O Salón da Prevención e Seguridade Laboral, Previsel, alcanza a súa maioría de idade consolidándose como a única cita en Galicia dedicada exclusivamente á formación especializada nesta materia.
A 18ª edición do evento terá lugar os días 12 e 13 de marzo en Expourense. Esta cita conta coa colaboración de administracións públicas, patronal, sindicatos, colexios profesionais, servizos de emerxencias e, como novidade, centros educativos de Formación Profesional.
Previsel celebra a súa 18ª edición en Expourense
O acto de presentación, celebrado esta mañá, contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a vicepresidenta da Deputación Provincial, Marta Novoa; o director do Centro ISSGA en Ourense, Ángel López; o representante de TESGALICIA, Alberto García; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Previsel 2025 ofrecerá un amplo programa de máis de 50 actividades distribuídas en dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. Estarán presentes unha trintena de expositores, tanto de Galicia como de fóra da comunidade. Destaca a participación de empresas especializadas como Prevor e “dulann”, esta última como entidade colaboradora.
Formación especializada e novas tecnoloxías
O evento contará con conferencias, obradoiros e simulacións que abordarán temas como a seguridade na edificación, a extinción de incendios, a atención en emerxencias e a prevención de riscos específicos como a silicose. A inclusión de simuladores de realidade virtual por parte de centros de FP, como o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira, permitirá aos asistentes experimentar situacións de emerxencia de forma inmersiva.
O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA) tamén terá un papel destacado, impartindo seminarios sobre prevención de caídas en instalacións solares e riscos músculo-esqueléticos no uso de pantallas.
Participación dos sindicatos e asociacións profesionais
Os sindicatos maioritarios en Galicia sumaranse ao programa con xornadas sobre a vixilancia da saúde, o impacto da silicose e os riscos na minería. Ademais, o Sindicato de Enfermería SATSE ofrecerá obradoiros prácticos en manexo de vías aéreas e atención avanzada.
A Fundación Laboral da Construción organizará actividades sobre a extinción de incendios en obras. A Asociación de Construtores de Ourense promoverá unha xornada sobre oportunidades de emprego no sector.
Exhibicións e actividades prácticas
Entre as actividades máis destacadas inclúense a exhibición de excarceración de vehículos. Esta actividade será realizada grazas a colaboración dos Bombeiros do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas. Previsel tamén contará coa visita do helicóptero medicalizado H4. TESGALICIA, pola súa parte, presentará unha ponencia sobre a atención inclusiva a pacientes xordos e cegos.
O acceso a todas as actividades de Previsel 2025 será gratuíto, previa inscrición a través da web oficial ou do teléfono 988 36 60 30. O horario de apertura será o mércores 12 de marzo de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, e o xoves 13 de 10:00 a 14:00 horas.