Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou as portas da súa 19ª edición en Expourense tras recibir preto de 3.000 visitantes, que participaron nas 50 accións formativas programadas durante dúas xornadas e que en moitos casos colgaron o cartel de completo.
O salón reuniu a administracións, empresas, sindicatos, colexios profesionais, servizos de urxencias e emerxencias e centros de Formación Profesional, ademais de colectivos sociais vinculados coa saúde como a Asociación Española contra o Cancro ou a Asociación Diabética Auria. Nesta edición tamén destacou a participación da BRILAT e da Policía Nacional.
Previsel pecha en Expourense con preto de 3.000 visitantes
O acto de clausura contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, quen salientou a importancia da prevención para evitar intervencións dos servizos de emerxencias. Durante a súa intervención lembrou que o último ano foi especialmente esixente para estes servizos, marcado por episodios como o apagón eléctrico, a vaga de incendios do verán ou as borrascas dos últimos meses.

Entre os expositores destacou a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que levou ao recinto unha bomba de achique de gran caudal, capaz de evacuar 50.000 litros de auga por minuto, utilizada nas emerxencias provocadas pola DINA de Valencia.
Durante a clausura tamén se entregaron as tradicionais placas de recoñecemento ás corenta entidades colaboradoras que participaron na organización do programa, co obxectivo común de avanzar cara á “sinistralidade cero” e reforzar a seguridade, saúde e benestar das persoas traballadoras.
O programa incluíu seminarios e xornadas técnicas como a organizada pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) sobre prevención laboral ou as sesións formativas da Fundación Laboral da Construción de Galicia, centradas no control operacional en obra e nas oportunidades de emprego no sector.
Previsel 2026 contou co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación de Ourense, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e de Renfe.
A feira foi a primeira cita do calendario feiral de Expourense en 2026. As próximas convocatorias serán os días 25 e 26 de marzo, coa celebración da Feira da Educación e do Encontro Inspiro, que incluirá o IV Concurso de Proxectos Emprendedores.
