Eventos

Programa do Entroido de Maceda 2026

O programa do Entroido de Maceda 2026 xa está pechado e inclúe máis dun mes de actividades tradicionais, gastronómicas e festivas.

A programación esténdese do 24 de xaneiro ao 21 de febreiro de 2026.

Programa do Entroido de Maceda 2026

O Concello de Maceda volve apostar por un Entroido longo, participativo e vencellado á tradición, no que destacan actos históricos como a Solta do Burro, os Fiadeiros, as Baixadas da Marela e da Mareliña, o Desfile de Entroido e o simbólico Enterro do Meco, que porá o peche oficial ás celebracións.

Programa do Entroido de Maceda 2026
Cartel do Entroio de Maceda 2026

Arranque do Entroido: xaneiro con tradición

Sábado 24 de xaneiro: terá lugar a Solta do Burro e o reparto de mecos, a partir das 20:00 horas, organizada polo Barullón de Carguizoi e a Asociación de Comerciantes.

31 de xaneiro: celebrarase o tradicional Reinado entre Tioira e Santa Marta, cun percorrido que partirá de Carguizoi ás 16:30 horas e contará con paradas en distintos puntos da parroquia.

Domingo 1 de febreiro: a programación inclúe un obradoiro de Compadres e Comadres, organizado pola ANPA Maceda na Praza das Toldas, con chocolatada final.

Febreiro: gastronomía, música e rituais populares

Venres 6 de febreiro: coincidindo co Venres de Compadres, desenvolverase a II Ruta Tapa do Cocido de Entroido. Estará acompañada dunha foliada polos bares con grupos de pandereteiras e a actuación de Os Festicultores.

Sábado 7 de febreiro: será a quenda do Fiadeiro de Carguizoi, unha das citas máis representativas do Entroido macedán.

Venres 13 de febreiro: Venres de Comadres, destaca a Subida dos Carros coa Felga, a Cea de Comadres na Diligencia e unha nova edición da Ruta do Cocido. A xornada rematará cun pasabares nocturno.

Fin de semana grande do Entroido de Maceda 2026

Sábado 14 de febreiro: arrancará cunha saída en autobús aos Felos, pasabares con charangas, a Baixada da Marela e actuacións musicais ata a madrugada.

Domingo 15: a xornada estará marcada polo Fiadeiro de Calvelo, o Cocido de Entroido e diversas foliadas abertas ao público.

Luns 16 de febreiro: terá lugar a Baixada da Mareliña, con saída desde o Castelo de Maceda e actuación familiar ao remate.

Martes 17 de febreiro: Maceda acollerá o Desfile de Entroido, cunha actuación musical posterior e a entrega de premios ás 20:00 horas.

Peche coa despedida do Meco

Sábado 21 de febreiro: celebrarase o Enterro do Meco, con pancetada popular, desfile fúnebre a cargo da Charanga A Felga e o peche simbólico do Entroido 2026 no concello.

Programa do Entroido de Maceda 2026
Programa do Entroido de Maceda 2026

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.