A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do programa Nexos de intervención con mulleres en situación de vulnerabilidade e violencia de xénero, que se desenvolverá entre outubro e xuño.
Haberá tres sesións mensuais, sempre os xoves de 10.00 a 13.00 horas, cun máximo de 15 participantes por grupo.
Igualdade impulsa unha nova edición do programa Nexos
As mulleres interesadas poden solicitar máis información directamente na Concellería de Igualdade, situada na rúa Vasco da Ponte, 1 (baixo), no teléfono 988 39 31 91 ou a través do correo electrónico concelleriamuller@ourense.es.

O programa, que se leva a cabo desde hai anos no Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM), ofrece un espazo de apoio que busca fortalecer a unión entre as participantes e a súa contorna social. O obxectivo é atender áreas deficitarias no eido persoal, familiar e social, garantindo unha atención máis personalizada, eficaz e de calidade.
As sesións abordarán cuestións clave como a violencia de xénero, a vivencia persoal de cada muller, a comunicación e a resolución de conflitos. Ademais, contarán coa colaboración de profesionais externas especializadas en terapia do reencontro, traballo corporal e técnicas de relaxación, entre outras disciplinas.