Noticias

Continúan as protestas polo traslado do paritorio do CHUO

Este luns 28 de xullo, ás 11:30h, diante da entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), terá lugar unha nova mobilización en rexeitamento ao traslado do paritorio ás antigas instalacións da CMA, no coñecido como edificio de cristal.

As nais e colectivos sociais denuncian condicións indignas nas novas instalacións e esixen diálogo e garantías sanitarias.

Continúan as protestas polo traslado do paritorio do CHUO

A protesta está convocada por colectivos como Arrolos de Teta, O Parto é Noso, Marcha Mundial das Mulleres, Petra Maternidades Feministas, Asociación Galega de Matronas e SOS Sanidade Pública Ourense.

As entidades denuncian que o novo espazo destinado aos partos non garante condicións mínimas de seguridade, intimidade nin dignidade para as mulleres embarazadas. Nun comunicado conxunto, alertan da ausencia total dunha sala de parto natural e dunha bañeira de dilatación, así como de serias deficiencias na climatización, na distribución dos espazos e na privacidade das pacientes.

Entre as principais carencias detectadas destacan:

  • Separacións improvisadas con láminas de aluminio que non aseguran a intimidade.
  • Só dous baños dispoñibles para todas as mulleres en dilatación, parto e recuperación.
  • Falta de garantías sobre dereitos e protocolos asistenciais.
  • Desatención por parte do SERGAS ás solicitudes formais de reunión, presentadas por rexistro.

Ante esta situación, os colectivos convocantes esixen á Xerencia do CHUO e á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia:

  1. A paralización inmediata do traslado, previsto para o martes 29, mentres non se corrixan as deficiencias actuais.
  2. A apertura dun diálogo real e transparente co persoal sanitario e coas usuarias.
  3. Garantía de condicións dignas, tanto estruturais como hixiénicas e humanas, para o parto e a atención neonatal.
  4. Disposición dunha sala de parto natural, como mínimo.
  5. Protección da saúde emocional das mulleres e dos seus dereitos como pacientes.
Continúan as protestas polo traslado do paritorio do CHUO

Desde os colectivos promotores desta mobilización fan un chamamento á sociedade ourensá para que se sume á protesta, en defensa dun parto digno e respectuoso para todas as mulleres da provincia.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.