O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou hoxe ás persoas desempregadas do rural a sumarse aos cursos formativos do Proxecto CARES.
Esta iniciativa busca facer produtivo o monte durante todo o ano a través do aproveitamento da resina e da castaña.
O Goberno impulsa en Ourense o Proxecto CARES contra o despoboamento
Nun encontro celebrado con alcaldes e alcaldesas de O Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Vilar de Barrio e Vilardevós, os responsables da consultora Foresin, Erika Martínez e Roberto Cabo, presentaron a proposta que recibiu 1,6 millóns de euros da Fundación Biodiversidade do MITECO, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) con fondos NextGenerationEU.
Segundo explicou Santos, “esta iniciativa innovadora é unha aposta polo rural e pola xeración de emprego, dunha forma respectuosa cos montes e que pode previr unha vaga de lumes como a que vivimos en Ourense”.

A primeira fase do proxecto, iniciado en febreiro de 2024, centrouse na identificación das zonas con maior potencial para a resina e a castaña. Concluíron que a provincia de Ourense é a máis axeitada. Agora comeza a fase formativa, que contará co apoio dos concellos implicados para organizar cursos entre o 15 de outubro e o 15 de novembro. Antes celebraranse reunións informativas locais.
Martínez destacou que a clave está en combinar os dous aproveitamentos: a castaña no outono e a resina na primavera e verán, ofrecendo así emprego continuado e fixación de poboación no rural.
O subdelegado destacou o compromiso do Goberno de España co reto demográfico e agradeceu a colaboración dos concellos.