O PSdeG apoia ao Colexio de Avogados de Ourense tras un encontro mantido pola voceira municipal socialista, Natalia González, coa nova directiva da entidade para trasladarlles o respaldo do partido ás súas principais reivindicacións profesionais.
Durante a reunión, celebrada na sede do Colexio de Avogados de Ourense, González expresou o apoio e impulso do Partido Socialista ante a grave situación do turno de oficio, unha problemática que, segundo denunciou, sofre unha pasividade total e absoluta da Xunta de Galicia.
Os socialistas ourensáns apoian as demandas do Colexio de Avogados
A voceira municipal reafirmou o compromiso das socialistas ourensás coas necesidades e demandas do sector xurídico en Ourense, especialmente nun contexto de crecente presión sobre os profesionais da xustiza.

No encontro tamén participou a deputada no Parlamento galego, Carmen Rodríguez Dacosta, e serviu para abordar outras cuestións consideradas prioritarias polo PSdeG en Ourense. Entre elas, destacaron a situación da mutualidade e os cambios derivados da nova comarcalización dos xulgados, un proceso que está a xerar incerteza entre os profesionais e que, segundo as socialistas, require diálogo e solucións consensuadas.
Desde o PSdeG subliñan que esta reunión forma parte dunha liña de traballo continuada para escoitar aos colectivos profesionais da provincia e trasladar as súas demandas ás institucións competentes, defendendo unha xustiza pública de calidade e con recursos suficientes.

