Noticias

O PSdeG de Barbadás aclara o aprobado no pleno sobre o SAF

O PSdeG-PSOE de Barbadás esixe ao alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, que rectifique as súas declaracións e recoñeza que no último pleno municipal non se aprobou ningunha sanción á empresa Osventos.

Sinalan que o que se aprobou foi unha moción socialista sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para adoptar medidas urxentes que garantan unha atención axeitada ás persoas usuarias.

O PSdeG de Barbadás aclara o aprobado no pleno sobre o SAF

Segundo explican dende o grupo municipal socialista, no pleno celebrado o luns 12 de xaneiro presentaron unha moción neste senso que saíu adiante cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG e Partido Popular, contando, segundo subliñan, “cun amplo respaldo e apoio”.

O PSdeG de Barbadás aclara o aprobado no pleno sobre o SAF

As concelleiras socialistas cualifican de “rotundamente falsas” as declaracións do rexedor aos medios, xa que “o que se aprobou foi unha moción socialista para recuperar o servizo de axuda no fogar, non unha multa, que xa se tramitou pola vía administrativa fóra do plenario”.

Dende o PSdeG-PSOE de Barbadás sosteñen que o Concello debe rescindir de inmediato o contrato coa empresa actual e buscar solucións estruturais que garantan unha correcta atención ás persoas usuarias. Neste contexto, lembran que na actualidade existe unha segunda empresa externalizada para cubrir as carencias da concesionaria do SAF, aínda que advirten de que “isto non é unha solución efectiva”.

A voceira socialista en Barbadás, Victoria Morenza Doforno, reclama que o goberno municipal “adopte cantas actuacións sexan precisas para que ningunha persoa usuaria quede sen o servizo e se eviten situacións de desatención e vulnerabilidade”. Ademais, insta ao alcalde e aos seus dous concelleiros a que “tomen esta decisión de gobernanza con outras administracións para evitar que estes incumprimentos se sigan repetindo”.

Dificultades no servizo

Os socialistas tamén lembran episodios previos de graves dificultades na prestación do servizo. Segundo indican, “chegamos a ter que pagar horas extras ás traballadoras porque a empresa deixou tirado o Concello, e a segunda empresa contratada tampouco foi quen de dar unha solución real”. Engaden que a concelleira responsable da área “buscou todo tipo de alternativas, incluso logrando que traballadoras municipais asumisen tarefas do SAF”, aínda que denuncian que “o alcalde e o concelleiro Morgade puxeron impedimentos para aboar esas horas extras, que finalmente se pagaron tras moita insistencia”.

A moción aprobada incluíu ademais unha emenda do BNG, na que se solicitaba que o Concello asumise de maneira directa a prestación do SAF, garantindo a xestión pública municipal deste servizo esencial como compromiso coa calidade, a estabilidade laboral e a defensa dos servizos públicos. A emenda foi aprobada polos mesmos grupos que deron luz verde á moción socialista.

Botón volver arriba