O PSdeG‐PSOE de Ribadavia acende as alarmas pola chapuza no pavillón de Ribadavia, unha obra de ampliación e reforma valorada en 1,3 millóns de euros que segue sen adxudicataria oito meses despois de que o alcalde a presentase “a bombo e prato”.
Desde grupo socialista acusa o goberno local de “ineptitude e neglixencia” e lembra que a subvención, cofinanciada polo Concello, a Xunta e a Deputación, pode perderse se non se cumpre o prazo de seis meses fixado para a execución.
O PSdeG denuncia chapuza no pavillón municipal de Ribadavia
“Estamos ante o peor exemplo de xestión de fondos públicos dos últimos trinta anos”, asegura a voceira socialista. Rodríguez Travieso cifra o problema nun “prego de condicións irreal” que afasta as construtoras. A única empresa que se presentou ao concurso quedou fóra por non axustarse aos prazos.

A formación teme que “nin sequera unha prórroga evitaría o risco de devolución das achegas”. O proxecto tería que estar rematado en novembro e, segundo o goberno, non se prevén ampliacións de calendario.
Os socialistas cuestionan tamén a decisión do alcalde de excluír a Intervención municipal da mesa de contratación, “un paso imprescindible para garantir tesourería, solvencia e transparencia”. A ausencia de control deixa no aire os pagos aos provedores e pon en xogo a viabilidade financeira do Concello. “Se non hai cambios, Ribadavia pode enfrontarse a graves problemas legais e económicos”, advirten.
Un verán sen actividade
O verán complica aínda máis o panorama. A parálise de moitas fábricas de materiais entre xullo e agosto fará imposible cumprir o cronograma aínda que a obra se licite mañá. “Calquera sabe que en agosto case non se traballa en construción”, lembra o PSdeG. Deste xeito, o pavillón podería quedar sen renovar ata 2026.
O alcalde, pola súa banda, respondeu con “prepotencia”, segundo o PSdeG, cando a oposición denunciou recentemente a perda doutra subvención municipal. Afirmou que o pavillón “xa estaba en marcha”, algo desmentido agora polas propias datas do expediente. “Non hai nin contrato nin ladrillo colocado”, retruca o grupo socialista, que ve “publicidade enganosa” na postura do rexedor.
Para saír do atollamento, os socialistas ofrecen colaboración. Propoñen reiniciar o proceso en xaneiro de 2026, adaptar os prazos ás condicións reais do mercado e buscar asesoramento externo para redactar uns pregos “viables e atractivos para as empresas”. Tamén reclaman que o alcalde admita o erro de planificación e convoque unha reunión extraordinaria cos grupos municipais para pactar unha solución urxente.
“É insostible que unha obra tan necesaria estea bloqueada por errores evitables; queremos axudar, pero non avalaremos máis improvisación”, resume o PSdeG.
“Se o goberno local persiste na súa teimosía, perderemos os fondos e comprometeremos o futuro do deporte en Ribadavia”, conclúe a portavoz do PSdeG‐PSOE, que xa prepara iniciativas no pleno e na Deputación para esixir responsabilidades políticas. Mentres tanto, as rapazas e rapaces que adestran cada día no pavillón do Consello seguen agardando por unhas instalacións dignas.