O Grupo Provincial Socialista rexistrou na Deputación de Ourense unha solicitude formal para garantir a máxima coordinación institucional e poñer a disposición dos concellos todos os recursos necesarios ante a situación meteorolóxica adversa prevista para as próximas horas na provincia.
A iniciativa chega tras as alertas da AEMET e de MeteoGalicia, que anuncian nevadas intensas, con especial incidencia nas zonas de montaña, acumulacións superiores aos 20 centímetros e unha cota de neve que pode baixar ata os 400 metros.
O PSdeG pide coordinación pola alerta de neve
Desde o PSdeG lembran que este episodio xa provocou a suspensión das clases en todos os centros educativos da provincia e a activación da fase de alerta do Plan Invernal de Estradas.

Advirten de que os concellos terán que facer fronte a necesidades urxentes nas redes viarias municipais e provinciais, así como a posibles incidencias no subministro eléctrico, problemas no abastecemento de auga ou situacións de risco pola caída de árbores, especialmente nos municipios rurais e de montaña.
Os socialistas subliñan que a Deputación dispón de recursos humanos, materiais e capacidade orzamentaria clave para responder a este tipo de situacións. “A institución provincial non pode permanecer nun segundo plano cando os concellos precisan apoio inmediato”, sinalan, lembrando que conta con maquinaria específica, persoal especializado e experiencia na xestión de emerxencias que deben mobilizarse con axilidade para garantir a seguridade da veciñanza.
Recursos e cooperación para responder á emerxencia
A solicitude presentada polo voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, reclama a activación inmediata dos protocolos de emerxencia da Deputación e a posta á disposición dos concellos de toda a maquinaria dispoñible, como quitaneves, palas cargadoras, tractores e vehículos todoterreo, así como do persoal técnico e operarios necesarios. O PSdeG insiste en que os concellos non poden afrontar en solitario un episodio desta magnitude e precisan do respaldo efectivo da institución provincial.
A iniciativa tamén insta a establecer un mecanismo de coordinación estable co resto das administracións con dispositivos activados, como a Subdelegación do Goberno, a Xunta de Galicia, Protección Civil ou o Consorcio de Bombeiros. Ademais, reclámase a comunicación inmediata aos concellos dos procedementos para solicitar asistencia da Deputación e a posterior avaliación de danos que permita dimensionar os recursos necesarios para a recuperación das infraestruturas afectadas.

