Noticias

O PSdeG critica a elección de Miguel Tellado como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE mostrou o seu rexeitamento á designación de Miguel Tellado, secretario xeral do PP, como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025.

O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, denunciou que a decisión responde a “criterios exclusivamente ideolóxicos” e carece do prestixio e da vinculación co sector vitivinícola que, ao seu xuízo, deben caracterizar a quen protagonice un evento declarado de interese turístico de Galicia e financiado con fondos públicos.

O PSdeG critica a elección de Miguel Tellado como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025

Vila asegurou que o nomeamento de Tellado supón unha “politización” dunha celebración que sempre foi un referente da tradición e cultura vitivinícola galega. “Non é unha figura de prestixio no ámbito cultural nin ten vencello algún co viño do Ribeiro. É un nomeamento de interese partidista, unha nova mostra do uso clientelar que fai o PP dunha festa que pertence a toda a veciñanza”, subliñou.

O PSdeG critica a elección de Miguel Tellado como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025
Miguel Tellado. Foto: Wikipedia

O secretario provincial socialista lembrou que a elección de pregoeiros por parte do PP segue un patrón iniciado en 2019, cando foi designado Mariano Rajoy, ao que se sumaron conselleiros da Xunta en 2022 e 2024. “Agora, coa elección de Miguel Tellado en 2025, confírmase que o PP emprega a Festa da Vendima como escaparate electoral e non como homenaxe ao traballo viticultor e á tradición cultural do Ribeiro”, engadiu.

Segundo Vila, este tipo de decisións supoñen un “agravio” para os verdadeiros protagonistas da festa: escritores, xornalistas, divulgadores, bodegueiros e representantes do sector vitivinícola que, segundo o PSdeG, deberían ser quen tivesen a honra de abrir a celebración. “Mentres o PP opta por cargos políticos sen vinculación co territorio nin co viño, quedan relegados profesionais que durante décadas traballaron pola promoción do Ribeiro”, destacou.

A Executiva Provincial socialista esixe que a Festa da Vendima recupere o seu espírito orixinal e recoñeza o labor das persoas ligadas á cultura, á historia e ao viño da comarca. “Non podemos permitir que unha celebración de interese turístico de Galicia se converta nun instrumento de propaganda partidaria financiado cos cartos de todos os galegos”, afirmou Vila, que tamén anunciou o apoio ás accións de protesta promovidas polo grupo municipal socialista de Leiro.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.