Noticias

Alerta socialista polo caos no transporte urbano de Ourense

O grupo socialista do Concello de Ourense intensifica as críticas á remodelación do servizo de autobuses que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pretende implantar o 16 de setembro.

As socialistas advirten que o proxecto carece de estudo técnico, non contou coa participación cidadá nin contempla unha proba piloto que permita corrixir erros antes da súa posta en marcha.

Alerta socialista polo caos no transporte urbano de Ourense

Nun encontro celebrado onte na Casa do Pobo con máis de medio cento de asociacións veciñais e colectivos sociais, a portavoz do PSdeG, Natalia González, acusou ao rexedor de improvisación.

Alerta socialista polo caos no transporte urbano de Ourense
Foto: PSdeG

Lembrou que o propio alcalde xa recoñeceu a existencia de “puntos negros” en barrios como Cabeza de Vaca, Velle, Cudeiro, Mende, avenida de Portugal ou Universidade. Incluso o mesmo rexedor anunciou cambios antes mesmo de que a nova rede comece a funcionar.

Entre esas modificacións figuran:

  • axustes nos horarios da liña 3,
  • a supresión do percorrido da liña 8 pola Chavasqueira,
  • a eliminación do servizo directo a Mende na liña 9 ou
  • a creación dunha liña 16 con frecuencias limitadas.

Para González, trátase dun “rosario de rectificacións que evidencian a chapuza inicial”.

Foto: PSdeG

A veciñanza expresou a súa preocupación polos constantes cambios, a falta de información oficial e a dependencia das redes sociais do alcalde para coñecer novidades. Tamén alertou do impacto negativo sobre enfermos crónicos, estudantes e traballadores que usan o bus a diario e que poderían verse obrigados a realizar múltiples transbordos con tempos de espera incertos.

Propostas do PSdeG de Ourense

As propostas do PSdeG céntranse en garantir un transporte accesible, moderno e económico:

  • Transbordos gratuitos, con ou sen tarxeta.
  • Información en tempo real, con xeolocalización, pantallas activas e aplicación móbil.
  • Pagos dixitais e inclusivos, mediante QR, tarxeta bancaria e títulos autonómicos.
  • Accesibilidade universal, con paneis e sistemas de audio para persoas con discapacidade visual.
  • Revisión aos 3-6 meses da implantación para avaliar frecuencias, queixas e tempos de viaxe.

Ademais, propoñen bonificacións ás familias numerosas, tarifas especiais con descontos de ata o 50% e estender a gratuidade do transporte urbano a nenos e nenas ata os 12 anos.

Estamos a tempo de evitar o caos e construír unha rede de autobuses digna e adaptada ás necesidades reais de Ourense”, subliñaron as socialistas.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.