O voceiro do PSdeG-PSOE de Lobios, Patrick Rodríguez, acusou este luns á alcaldesa, Carmen Yáñez, de frear a incorporación do novo médico ao centro de saúde do concello por non realizar as reformas necesarias nas instalacións.
Rodríguez asegurou que a rexedora “está a xogar coa saúde das veciñas e veciños de Lobios”, ao non habilitar unha consulta axeitada que permita o comezo do servizo.
O PSdeG acusa á alcaldesa de bloquear a chegada do médico a Lobios
A Xunta de Galicia confirmou hai semanas a chegada dun novo facultativo grazas ao concurso de méritos para cubrir prazas de difícil cobertura, dando resposta a dous anos de mobilizacións e denuncias polo abandono sanitario. Con todo, segundo explicou o voceiro socialista, a chegada do médico depende da adecuación dun espazo no centro, responsabilidade do Concello, que segue sen acometerse.

“A día de hoxe non hai médico nin consulta onde poida traballar. A alcaldesa só tiña que montar un box seguindo as indicacións do persoal sanitario, pero nin sequera se dignou a aparecer polo centro”, criticou Rodríguez.
Esta proposta do persoal consistía en empregar a sala de Urxencias como consulta do novo médico e crear un espazo para Urxencias cunha división de pladur. “Unha solución sinxela e viable”, segundo o voceiro.
A situación sanitaria de Lobios é crítica desde outubro de 2023, cando marchou a última médica e o centro quedou só con servizo de enfermaría. A día de hoxe, continúan dous enfermeiros de carreira atendendo unha poboación maioritariamente envellecida e rural, sen acceso a atención médica directa.
Rodríguez censurou ademais o desinterese da alcaldesa pola realidade do municipio: “Vive en Ourense capital, fai vida alí e dálle igual o que pase aquí. Non se pode gobernar Lobios dende a distancia”. Tamén acusou a rexedora de facer un uso “propagandístico e electoralista” das redes sociais do concello, onde se anunciou a chegada do novo médico para este verán, sen concretar medidas reais.
O PSdeG-PSOE de Lobios reitera o seu compromiso coa veciñanza e reclama “servizos dignos” para un concello que leva dous anos sen cobertura sanitaria completa. “Queremos darlle a Lobios o futuro que merece, con servizos á altura da nosa xente”, concluíu Patrick Rodríguez.