O Grupo Provincial Socialista pide á Deputación de Ourense que explique por que non cumpriu os compromisos adquiridos co Concello de Vilamartín de Valdeorras para garantir o abastecemento de auga potable tras os incendios forestais do pasado agosto.
Os socialistas reclaman respostas sobre a actuación do Consorcio de Augas de Valdeorras, as medidas preventivas nas captacións afectadas e a activación das axudas prometidas.
Reclaman acción urxente pola crise da auga en Valdeorras
A tenente de alcalde de Vilamartín e deputada provincial, Sherezade Núñez, lembra que o 26 de agosto, nunha reunión institucional amplamente difundida a Deputación comprometeuse publicamente a garantir o subministro de auga potable e a mobilizar novas liñas de apoio.

“Transcorridos case dous meses, a situación non só non mellorou senón que se agravou de xeito alarmante”, advertiu Núñez, quen asistiu á xuntanza xunto co alcalde, Enrique Álvarez.
Segundo a deputada, desde o Concello alertaron do problema “desde o primeiro momento” e agora o sistema de abastecemento está colapsado. “Precisamos unha solución xa, porque está comprometido o servizo nos núcleos de poboación de Vilamartín, e coa chegada do inverno a situación pode ser aínda máis grave”, engadiu.
Dous meses de inacción da Deputación
A representante socialista cualificou de “especialmente grave” o incumprimento da Deputación, lembrando que o Concello advertiu do problema “ao día seguinte dos incendios”. “Non se pode esperar dous meses, ás portas do inverno, para mandar xente ao monte”, criticou. Núñez denuncia que descoñecen que actuacións realizou o Consorcio de Augas desde o 26 de agosto, que medidas preventivas se adoptaron ou cando se activarán as liñas de axudas anunciadas.
“O Consorcio de Augas de Valdeorras, dependente da Deputación, ten a responsabilidade directa de garantir o servizo de auga potable. A Deputación non pode seguir mirando para outro lado mentres un municipio afectado polos incendios ve como se incumpren os compromisos públicos do seu presidente”, concluíu a deputada socialista.