Noticias

O PSdeG alerta do caos polo novo mapa de autobuses en Ourense

O PSdeG no Concello de Ourense advertiu este luns de que o novo mapa de liñas de autobús urbano, que entra en vigor mañá, pode xerar un “caos absoluto” entre a veciñanza.

Esta situación produciríase pola falta de información previa e a perda de conexións clave, sobre todo para a mocidade e os estudantes universitarios.

O PSdeG alerta do caos polo novo mapa de autobuses en Ourense

A voceira socialista, Natalia González, acompañada pola edil Alba Iglesias e o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, denunciou nunha rolda de prensa que o servizo deixa sen cobertura ao Campus Universitario das Lagoas, mantén desatendida á UNED e segue sen resolver a conexión Estación–Campus. “Non podemos permitir que a xente moza quede sen transporte para desprazarse a onde realiza a súa formación”, advertiu González.

O PSdeG alerta do caos polo novo mapa de autobuses en Ourense
Foto: PSdG de Ourense

A tamén secretaria xeral do partido en Ourense reclamou que o MouchoBus amplíe percorridos cara Seixalbo e O Pino, para garantir mobilidade sostible tamén na contorna rural. “A mocidade de Ourense non pode perder o bus”, subliñou.

O PSdeG lembrou que xa propuxera a gratuidade do transporte urbano e iniciativas para fomentar o uso da bicicleta e dos patinetes eléctricos, medidas que —aseguran— seguen vixentes como alternativas reais.

Pola súa banda, Miguel Gómez criticou a falta de comunicación do goberno de Pérez Jácome, que só publicitou os cambios nas redes sociais do alcalde. “Un traballador ou estudante aínda non sabe se mañá terá que camiñar máis dunha hora para chegar á universidade ou ao seu posto”, alertou. Tamén puxo o foco na insuficiencia das frecuencias e no tamaño reducido dos vehículos en horas punta, que afecta especialmente aos barrios periféricos como Piñor, Seixalbo ou Reza.

Desde as Xuventudes Socialistas e o grupo municipal reclaman que se probe durante tres meses a nova reorganización de liñas antes de implantala de forma definitiva, co obxectivo de detectar e corrixir posibles fallos.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.