O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta tarde unha sesión ordinaria da Comisión Executiva Provincial na sede do partido, na que se abordaron cuestións de carácter orgánico, político e social.
Como principal acordo, as e os socialistas fixaron a celebración do Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, para o vindeiro mércores 16 de xullo na cidade de Ourense.
O PSdeG-PSOE de Ourense renovou máis da metade das direccións locais
A Executiva Provincial socialista acorda celebrar o Comité Provincial o 16 de xullo, tras completar a renovación orgánica nas agrupacións municipais.

Durante o encontro, fíxose balance do traballo realizado desde o V Congreso Provincial e, especialmente, da intensa actividade organizativa desenvolvida durante os meses de maio e xuño. Neste período tiveron lugar 56 asembleas municipais, das que 51 foron convocadas pola militancia e 5 a través de xestoras.
Desde a dirección provincial destacan a “importante renovación orgánica” que se concretou nestas reunións, cun cambio de máis do 50% das secretarías xerais municipais. En total, foron elixidos 29 novos responsables locais, nun proceso que, segundo sinalan, “busca reforzar o partido e sentar as bases para mellorar os resultados nas eleccións municipais de 2027”.
Os informes do secretario xeral provincial e da secretaría de organización confirmaron que todas as agrupacións que celebraron as súas asembleas terán representación no Comité Provincial. Dita representación foi escollida directamente pola militancia, o que o PSdeG-PSOE ourensán considera “un exemplo máis do compromiso coa participación democrática como eixo fundamental do proxecto socialista”.
Estes novos representantes súmanse aos designados no pasado congreso provincial, aos elixidos nas asembleas intermunicipais das agrupacións con menos de cinco militantes e aos catro membros das Xuventudes Socialistas, completando un total de 150 integrantes no Comité Provincial.
Ademais, o partido informou que 13 agrupacións da provincia contarán tamén con representación no Comité Nacional Galego, grazas ás eleccións realizadas nas reunións comarcais. Estas 22 persoas uniranse aos 8 membros designados pola Executiva Galega e aos xa escollidos no Congreso Nacional, configurando así a representación da provincia neste órgano autonómico.
Antes do 16 de xullo tamén se convocarán as coordinadoras comarcais para escoller os novos coordinadores en cada comarca, pechando así o proceso de reestruturación interna iniciado tras o congreso.