A voceira socialista no Concello de Ourense, María Fernández Ojea, criticou duramente ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome durante o pleno extraordinario celebrado esta mañá, no que o goberno municipal someteu a debate dúas modificacións de crédito (5P e 6P).
Fernández lembrou que o PSdeG xa advertira hai tres meses, cando se aprobaron os orzamentos de 2025, da falta de planificación e de investimentos estratéxicos. “O alcalde xa anunciara que traería modificacións de crédito con cargo ao remanente de Tesourería para habilitar os investimentos precisos”, lembrou.
O PSdeG acusa a Jácome de “facer ruído” e non planificar investimentos para Ourense
A socialista destacou que ambas modificacións contan con informes desfavorables, pois existe unha necesidade de financiamento de preto de 30 millóns de euros. Acusou a Jácome de empregar o pleno como un “escenario electoral”, presentando os expedientes “sen consenso, sen tempo e con moitísimo ruído”.
“Trae as cousas así porque non lle interesa que se aproben; non negocia, senón que extorsiona e chantaxea”, afirmou, criticando especialmente o expediente 5P. Este agrupa partidas “a amigos e de exercicios anteriores” sen orde nin coherencia.

Fernández tamén reprochou que se mesturen asuntos sociais con partidas festivas, como a pirotecnia, e que o rexedor culpe á oposición do seu propio desinterese por executar proxectos. “Isto é unha escenificación para non facer nada e poder botarnos a culpa”, insistiu. Ademais, lembrou que xa existían partidas orzamentarias para Artes e Festexos. Por este motivo considerou que se trata de “débedas pendentes doutros exercicios” que o PSOE “non vai avalar”.
Subvencións perdidas
Sobre o segundo expediente, a edil advertiu da situación de parálise que vive Ourense, malia ser a terceira cidade de Galicia. “O pequeno comercio pecha, as grandes superficies non se queren instalar aquí, a mocidade marcha e as persoas maiores carecen de políticas axeitadas”, enumerou. Denunciou que o goberno municipal ignora temas clave como a igualdade, a vivenda ou a xuventude, e que o concello perdeu o 30% das subvencións solicitadas por falta de xestión.
A socialista cuestionou quen se encarga de tramitar e xustificar os fondos europeos e estatais, advertindo de que non hai equipo técnico suficiente. “Non é un problema de cartos, é un problema de vontade política e electoral”, concluíu Fernández, quen anticipou que o executivo local non será capaz de licitar os contratos antes de fin de ano.
“Jácome quere chegar ás eleccións de 2027 con todo en obras”, sentenciou, asegurando que o PSOE apoiará o expediente “porque Ourense o necesita”, pero insistindo en que o alcalde “prefire facer ruído antes que traballar pola cidade”.