A agrupación municipal do PSdeG de Ourense celebrará este venres un acto en homenaxe a Alfonso Rodríguez Castelao.
O evento terá lugar ás 19:00 horas diante da Biblioteca Nós, na praza da II República.
O PSdeG de Ourense homenaxea a Castelao
O motivo da iniciativa é a ausencia total de programación municipal no ano en que se conmemoran os 75 anos do seu pasamento.
A secretaria de Educación da Comisión Executiva Municipal, Cristina Cruz, subliña a necesidade de promover a cultura e a lingua galega. «A terceira cidade de Galicia debería contar cunha programación variada, como acontece noutras urbes», sinala.

O evento contará coa participación da actriz Uxía Morán, que dará vida a personaxes icónicas da obra de Castelao. Segundo Cruz, esta proposta busca reivindicar o legado do intelectual galeguista e denunciar a falta de iniciativas culturais por parte do Concello.

A actividade será de balde e ofrecerá unha perspectiva renovada e emocionante da obra de Castelao.