O PSdeG-PSOE do Concello de Ourense reclamará que se amplíen as prazas do programa Xantar na Casa, un servizo social básico dirixido a persoas maiores e dependentes que reciben menús adaptados ás súas necesidades a domicilio.
Actualmente, a cidade conta con 62 prazas, pero existen nove veciños en lista de agarda.
O PSdeG de Ourense reclama máis prazas no programa Xantar na Casa
A voceira socialista no Concello, Natalia González, subliñou que se trata dun recurso clave para mellorar a calidade de vida dos usuarios, favorecer a súa autonomía persoal e permitir a permanencia no fogar. “Non resulta admisible que un servizo tan sensible quede limitado por falta de previsión ou vontade política”, advertiu tamén a secretaria de Políticas Sociais da Executiva Nacional do PSdeG.

Os socialistas urxen ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a que inicie de inmediato as xestións co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta para asinar unha addenda ao convenio actual que posibilite ampliar o número de beneficiarios. Lembran que a propia cláusula terceira do acordo permite esta modificación sempre que se xustifique a necesidade e haxa consignación orzamentaria suficiente.
Paralelamente, a deputada ourensá no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, levará a mesma demanda ao Pazo do Hórreo, co obxectivo de que ningunha persoa que cumpra os requisitos quede excluída por cuestións administrativas ou pola falta de prazas.