O grupo municipal socialista de Ourense cualificou de “moi preocupante” o informe da Policía Local sobre o sistema de radares e cámaras de control de acceso ao Casco Histórico.
O informe, solicitado polo propio PSdeG, evidencia unha “clara falta de planificación, transparencia e participación cidadá” por parte do goberno municipal.
Os socialistas esixen transparencia no control de accesos ao Casco Histórico
Segundo explican as socialistas, o documento non achega estudos de mobilidade nin informes técnicos que avalen a instalación dos dispositivos, limitándose a referencias xenéricas ao Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) e ao proxecto da empresa adxudicataria. “Non se poden tomar decisións que afectan á vida diaria da veciñanza sen base técnica nin diálogo previo”, advertiu a voceira municipal, Natalia González Benéitez.

O informe, engaden, recoñece que o sistema de control de accesos continúa en fase de probas e que o plan de comunicación cidadá está “en desenvolvemento”, malia que xa se están a emitir avisos de denuncia. “Estamos ante unha actuación improvisada e mal planificada, que pode xerar confusión e inseguridade xurídica entre veciños e comerciantes”, subliñou González Benéitez.
O PSdeG reclama ao executivo local de Gonzalo Pérez Jácome que publique toda a documentación técnica e suspenda temporalmente as sancións ata garantir un sistema plenamente operativo e transparente, acompañado dunha campaña informativa. “Queremos unha mobilidade ordenada e segura, pero tamén participada e xusta”, concluíu a voceira socialista.