Noticias

As edís do PSdeG deixan o goberno de Barbadás

O PSdeG-PSOE de Ourense reuniuse esta tarde coas cinco concelleiras e o concelleiro socialista de Barbadás para analizar a situación política municipal tras a denuncia por presunto acoso contra o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a súa negativa a dimitir pese a abandonar a militancia socialista.

Segundo trasladou o partido, a crise deriva do encubrimento dun presunto acoso sexual cometido en 2024 por un ex concelleiro socialista a unha militante. Foron estes uns feitos dos que Valcárcel non informou á organización.

As edís do PSdeG deixan o goberno de Barbadás

O PSdeG-PSOE de Ourense sostén que o rexedor actuou “con pouca dilixencia, demorando a dimisión deste edil e incluso eloxiándoo publicamente no pleno no que entregou a súa acta”.

As edís do PSdeG deixan o goberno de Barbadás

No encontro participaron o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, e o secretario de Organización, Antonio González Fiuza, xunto ás concelleiras Victoria Morenza Doforno, Marga Pérez Fernández, Ana Belén Peleteiro Prieto, Noemí Pintos Fondevila, María Elisabet González e o concelleiro José Manuel Morgade Méndez.

As cinco concelleiras socialistas comunicaron a súa decisión de abandonar o grupo de goberno municipal. Manteñen a súa pertenza ao grupo municipal socialista, tras confirmarse que o alcalde continuará no cargo. No caso do concelleiro, trasladou que nas próximas horas decidirá se permanece no goberno e abandona o partido ou se suma á postura das súas compañeiras.

Morenza, Pérez, Peleteiro, Pintos e González subliñan que a decisión “é firme” e responde á “gravidade da situación, que require unha actuación dilixente, coherente e rigorosa”. As edís reiteran o seu “rotundo apoio á vítima, que debemos protexer en todo momento, ademais de acompañar durante o proceso”.

As representantes socialistas salientan que a saída do goberno é “totalmente consensuada” e que, ante a situación, “non podemos permanecer impasibles nin seguir un minuto máis no goberno municipal”. Tamén lembran que o partido mantén unha tolerancia cero co acoso.

Grupo municipal socialista

Pola súa banda, Álvaro Vila Araújo indicou que esta decisión permitirá que o grupo municipal socialista continúe traballando a prol da veciñanza de Barbadás. Pediu ó alcalde “sexa consecuente e recapacite, dimitindo como rexedor e entregando as súas actas de concelleiro e de deputado provincial”.

Vila insistiu en que o proceso se desenvolve “coas máximas garantías para a denunciante e o denunciado”. Reafirmou o compromiso do PSdeG-PSOE de Ourense coa aplicación rigorosa dos protocolos contra o acoso, a protección das vítimas e a defensa dos valores da organización socialista.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.