O PSdeG-PSOE de Barbadás propón unha contorna escolar sen tráfico na rúa do Ensino e melloras nas piscinas municipais a través de dúas mocións que se debaterán no pleno do vindeiro luns.
Desde o grupo socialista defenden que as iniciativas teñen un carácter “construtivo” e buscan reforzar a seguridade viaria e mellorar infraestruturas clave para a veciñanza.
O PSdeG-PSOE de Barbadás propón unha rúa escolar sen tráfico e melloras nas piscinas

Rúa do Ensino, contorna escolar protexida
A primeira moción insta ao Concello de Barbadás a declarar a rúa do Ensino como contorna escolar protexida. Esto comezaría cunha fase piloto que restrinxa o tráfico e dea prioridade peonil. A proposta avanza cara a un modelo de rúa escolar sen coches, permitindo só acceso a servizos de emerxencia, vehículos autorizados e residentes, ademais de transformar a vía nunha plataforma única.
A concelleira Marga Pérez Fernández lembra que na zona se sitúan o CEIP Filomena Dato, unha escola infantil municipal, un centro de maiores e outros servizos públicos. Esta situación incrementa a vulnerabilidade peonil nas horas punta. “A seguridade viaria e a protección da infancia deben ser unha prioridade”, afirma.
Actuacións nas piscinas municipais
A segunda iniciativa céntrase nas piscinas municipais de Barbadás. O PSdeG-PSOE solicita melloras no céspede, a substitución das depuradoras por equipos máis potentes, a adaptación para persoas con mobilidade reducida e a revisión da instalación eléctrica, entre outras actuacións.
A edil Noemí Pintos Fondevila subliña que a piscina é un espazo público esencial para o lecer e a cohesión social. Pide ao goberno local que continúe traballando para ofrecer instalacións de calidade.

