O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou unha sesión ordinaria da súa Comisión Executiva Provincial na sede comarcal de Ribadavia, na que se acordou convocar o Comité Provincial, máximo órgano do partido entre congresos, para o sábado 22 de novembro no Carballiño.
Con este encontro, as e os socialistas dan inicio ás reunións da Executiva Provincial polos distintos puntos da provincia.
Os socialistas ourensáns reforzan o traballo local de cara ás municipais
Durante a reunión de Ribadavia, a dirección socialista destacou a necesidade de “pórse a traballar no territorio” co obxectivo de “reforzar o poder municipal”. Consideran estar nun “momento clave” de cara ás eleccións municipais de 2027.

O partido afronta este novo ciclo convencido de que “se mellorarán os resultados acadados no 2023”, grazas a unha maior presenza e coordinación nas comarcas.
O secretario xeral provincial, Álvaro Vila Aráujo, subliñou que a Executiva desenvolverá o seu traballo “desprazándose ao longo de toda a provincia”. “Comezamos no Ribeiro, unha comarca importante na que contamos con alcaldías históricas e ampla representación municipal”, afirmou Vila. Avanzou que o obxectivo é “formar as mellores candidaturas posibles, con grandes candidatos e candidatas para acadar un partido máis forte en cada concello e en toda a provincia”.
O líder socialista insistiu tamén na importancia de “escoitar as bases” e “traballar cóbado con cóbado” coas agrupacións locais. O obxectivo final dos socialistas sería “recuperar músculo político e presenza en cada territorio”. A Executiva Provincial informou, ademais, dos actos que o partido organizará nas próximas semanas en diferentes puntos de Ourense para seguir reforzando a súa implantación territorial.

