A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense pronunciouse este mércores sobre o caso de presunto acoso na provincia de Lugo, unha vez celebrada a reunión da Executiva Galega en Santiago de Compostela e tras o comunicado do secretario xeral en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.
Desde a dirección provincial trasladan que as informacións coñecidas nas últimas horas xeraron “fondísima tristura, indignación e repugnancia”.
O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma a tolerancia cero fronte ao acoso
Subliñan que a primeira mensaxe do partido é para as vítimas. “Queremos que saiban que teñen o noso afecto, respaldo e solidariedade”, sinalan, lembrando que o PSdeG-PSOE se define como unha organización feminista, con tolerancia cero fronte ao acoso e á violencia machista, “caia quen caia”.

A Executiva Provincial explica que decidiu agardar para facer pública a súa posición por respecto aos tempos marcados pola dirección galega. Segundo indican, a coordinación orgánica resulta clave nestas circunstancias para garantir o correcto funcionamento dos mecanismos internos e o respecto aos dereitos de todas as persoas implicadas. “Non se pode ir por libre nunha situación desta gravidade”, remarcan.
No seu comunicado, o PSdeG-PSOE de Ourense lembra que José Tomé xa non forma parte do partido tras solicitar a suspensión de militancia, anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e abandonar os grupos socialistas tanto na corporación provincial como no Concello de Monforte de Lemos. “Era o que debía facer”, sosteñen, insistindo en que a exemplaridade non é un xesto simbólico, senón unha obriga ética que debe traducirse en decisións inmediatas.
A Executiva Provincial manifesta tamén o seu respecto ás vítimas e ao traballo do Órgano contra o Acoso do PSdeG-PSOE, destacando que o protocolo interno garante o anonimato e a seguridade das denunciantes. “Confiamos plenamente nos procedementos establecidos e no rigor co que se está actuando”, apuntan.
Finalmente, o PSdeG-PSOE de Ourense afirma que este tipo de situacións son determinantes para medir a coherencia dun partido. “Hoxe, igual que sempre, situámonos do lado das vítimas”, conclúen, reafirmando o seu compromiso histórico coa igualdade, a xustiza social e a defensa firme dos dereitos das mulleres.

