O PSdeG-PSOE de Ourense retomou a súa campaña para reclamar a posta en marcha dunha unidade integral de ictus no CHUO.
Ourense é a única provincia galega que carece dun servizo operativo as 24 horas do día e os 365 días do ano.
O PSdeG-PSOE esixe unha unidade integral de ictus no CHUO
Os socialistas ourensáns esixen á Xunta a creación inmediata dunha unidade integral de ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e a mellora do transporte sanitario urxente, lembrando que “a diferencia entre contar ou non con esta unidade pode ser vivir ou morrer”.

Nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial, a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta e a voceira municipal Natalia González Beneitez anunciaron unha batería de iniciativas parlamentarias para que o Sergas inclúa esta demanda nos orzamentos de 2026. Rodríguez Dacosta lembrou que Ourense, coa poboación máis envellecida de Galicia e de España, “non pode seguir sen unha unidade integral de ictus funcionando todos os días do ano”. Subliñou que “cada minuto conta para evitar mortes ou secuelas graves”.
A deputada tamén criticou a falta de planificación do Goberno galego: “Seguimos sen un cronograma nin un compromiso firme. Pedimos equidade sanitaria co resto de provincias”. Recordou que o PSdeG-PSOE xa impulsara iniciativas semellantes no Parlamento, na Deputación e no Concello. Todas foron aprobadas por unanimidade, pero “o PP segue sen cumprir os acordos e Rueda dálle as costas a Ourense”.
Partida presupuestaria para esta unidade
Pola súa banda, González Beneitez destacou que o partido leva máis de cinco anos traballando para conseguir esta unidade. Advertiu que “se o PP non inclúe unha partida específica nos orzamentos, o PSOE presentará unha emenda para garantir o financiamento”. A voceira socialista denunciou que “Ourense é a gran esquecida de Galicia en materia sanitaria” e insistiu en que “a sanidade pública e universal é un dereito innegociable”.
Entre as medidas propostas, o PSdeG-PSOE demanda:
- A creación dunha unidade integral de ictus no CHUO, operativa 24 horas ao día.
- A contratación de persoal especializado e a dotación tecnolóxica avanzada para realizar trombectomías mecánicas.
- Un plan detallado de implantación nun prazo máximo de seis meses.
- A integración da unidade no Plan Galego de Atención ao Ictus e a mellora do transporte sanitario urxente.
- A creación de programas de formación e investigación en colaboración coa Universidade de Vigo.
Con esta iniciativa, os socialistas pretenden que Ourense deixe de ser a única provincia sen este servizo esencial e se converta nun referente en atención neurolóxica e prevención do ictus en Galicia.