O PSdeG-PSOE de Ribadavia acusa ao alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández, de gobernar “a base de taxazos” e de aumentar constantemente os recibos á veciñanza mentres o municipio “segue perdendo poboación pola súa nefasta e neglixente xestión”.
Segundo denuncian, o goberno local vén de anunciar unha subida do 50% nas taxas de uso do pavillón municipal de deportes a partir de 2026.
O PSdeG critica unha nova suba de taxas en Ribadavia
A formación socialista tivo acceso á documentación das comisións informativas previas ao pleno, onde detectaron ata dez modificacións de prezos públicos. Entre elas, destaca a subida do pavillón, que cualifican como “unha nova estafa do alcalde e do seu equipo de goberno”. “Prometeron grandes investimentos e o único que fixeron foi subir impostos, mentres as obras comprometidas non chegan”, afirman.

O PSdeG lembra que a reforma do pavillón municipal alcanza xa un orzamento de 1,3 millóns de euros. Critican que, malia anunciar que o proxecto sería financiado pola Xunta e a Deputación, o Concello deberá achegar 300.000 euros. “Para compensar, o alcalde opta por subir as taxas aos usuarios nun 50%, un incremento abusivo e fóra de lugar”, aseguran.
“Estamos ante o alcalde dos taxazos”, insisten os socialistas, que lembran outras subas recentes: un 40% no recibo da auga e un 30% no do lixo. “As obras poden ser necesarias, pero deben axustarse á realidade económica do municipio, non a proxectos faraónicos que acaban saíndo do peto da veciñanza”, engaden.
Con estas subas, segundo os datos que manexa o grupo socialista, unha familia pasará de pagar 100 a 150 euros e un mozo de 84 a 126 euros polo abono anual. Os non residentes tamén verán incrementos similares. “É un espolio á veciñanza, consecuencia da incapacidade do alcalde para conseguir investimentos externos”, apuntan.
O PSdeG pon o foco tamén na perda de poboación, que situou o censo por baixo dos 5.000 habitantes. “Outras vilas medran, pero Ribadavia retrocede. Cun alcalde que sobe taxas e perde investimentos, o resultado non pode ser outro que o fracaso”, subliñan.
Os socialistas lembran que durante os seus mandatos afrontaron obras importantes, como a renovación dos campos de fútbol, “sen recorrer a subas de taxas”. Critican ademais o peche anticipado da piscina municipal o pasado verán e a falta de compensación aos abonados. “O alcalde prometeu unha nova captación de auga, pero non a fixo, e tivo que empregar a que puxera en marcha o goberno socialista”, conclúen.