Noticias

O PSdeG-PSOE de Xinzo reclama activar a planta de Morgade

O Grupo Municipal Socialista de Xinzo vén de presentar unha moción que será debatida na próxima sesión plenaria, na que reclama á Deputación Provincial de Ourense a reactivación da planta de valorización de residuos da construción de Morgade.

A infraestrutura, executada hai máis dunha década, permanece sen actividade desde a súa finalización no ano 2010.

O PSdeG-PSOE de Xinzo reclama activar a planta de Morgade

A voceira socialista, Elvira Lama Fernández, lembrou que “seguimos vendo entullos por todas partes, e iso non pode continuar así”. Lama asegurou que preguntou en numerosas ocasións pola posta en marcha da planta cando era deputada provincial. “A resposta sempre foi a mesma: que se ía poñer en funcionamento, algo que nunca aconteceu” sinala Elvira Lama.

O PSdeG-PSOE de Xinzo reclama activar a planta de Morgade
Foto: PSOE

O PSdeG-PSOE cualifica a situación de “máis que posible malversación de fondos públicos”. Sinalan que malia o investimento de 850.000 euros, a planta nunca chegou a prestar servizo. “Mentres tanto, a veciñanza non ten onde levar os restos das obras nin os cascallos, o que provoca a aparición de basuraleza en pistas, montes e beiras do río Limia”, denunciou Lama.

Concienciación cidadá

A moción socialista tamén inclúe a petición dunha campaña de concienciación cidadá sobre a xestión correcta dos residuos de construción e demolición. Tamén solicitan informar das sancións por abandonalos na natureza. Ademais, solicitan á Deputación que amplíe o horario do punto limpo de Xinzo e que informe á veciñanza da rebaixa do 10% nos recibos por realizar dúas entregas anuais, segundo a nova ordenanza provincial de residuos.

En xaneiro de 2023, a Deputación publicou un estudo de viabilidade económico-financeiro e un anteproxecto para a futura licitación da planta. Esta cifraba en máis de 130.000 euros o custo de actualización das instalacións e en preto de 61.000 a impermeabilización do depósito de inertes. O documento tamén estimaba máis de 400.000 euros en gastos de selado e restauración paisaxística ao final da súa vida útil.

O PSdeG-PSOE de Xinzo reclama activar a planta de Morgade
Foto: PSOE

O PSdeG-PSOE asegura que presenta esta iniciativa tras recibir numerosas queixas veciñais polo abandono das instalacións e pola proliferación de restos de obra no entorno. “Vai sendo hora de que o goberno local de AXIL e PP se poña a traballar e de que a Deputación poña dunha vez por todas en marcha a planta de Morgade”, conclúen.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.