Noticias

O PSdeG apoia ao persoal despedido da ORA en Ourense

O PSdeG no Concello de Ourense manifesta publicamente o seu apoio aos traballadores e traballadoras da ORA afectados pola eliminación do servizo.

Esta decisión do goberno municipal, segundo denuncian, tomouse sen planificación nin diálogo e sen avaliar as consecuencias laborais e urbanas.

O PSdeG apoia ao persoal despedido da ORA en Ourense

As edís socialistas mantiveron un encontro co persoal despedido para coñecer a súa situación e trasladarlles o compromiso do grupo coa defensa dos seus dereitos laborais.

O PSdeG apoia ao persoal despedido da ORA en Ourense
Foto: PSdeG-PSOE de Ourense

“Non estamos a falar só dun cambio no modelo de mobilidade, estamos a falar de persoas concretas ás que se lles deu as costas dun día para outro”, afirmou a voceira do PSdeG, Natalia González.

A portavoz socialista critica que o executivo local actuase de maneira unilateral. “Non se pode suprimir un servizo público sen ofrecer alternativas e, moito menos, deixar aos seus empregados e empregadas nunha situación de absoluta incerteza”, subliñou González. Lembrou que moitas destas persoas levan décadas prestando servizo en Ourense.

Desde o PSdeG lembran que xa advertiran en plenos e en Xuntas de Área da necesidade de planificar calquera cambio na ORA e de aclarar o futuro dos postos de traballo. “Preguntamos, insistimos e reclamamos información, pero a resposta sempre foi o silencio ou a evasiva”, denuncian as concelleiras socialistas.

O grupo municipal considera que a ORA era un sistema mellorable, pero necesario para garantir a rotación do estacionamento. Tamén era importante no acceso ao centro e nunha mobilidade máis ordenada. “Eliminar a ORA sen aparcadoiros alternativos, sen reforzar o transporte público e sen un plan serio de mobilidade non é modernizar a cidade, é sumila na desorde máis absoluta”, engaden.

Por todo isto, o PSdeG esixe ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que asuma responsabilidades e poña en marcha solucións inmediatas para o persoal afectado. Entre elas estarían vías de recolocación e medidas que garantan unha saída digna tras anos de servizo público.

“Gobernar é prever, dialogar e coidar ás persoas. O que está a acontecer coa ORA é xusto o contrario e Ourense non merece este trato nin este abandono”, concluíu a portavoz socialista.

Botón volver arriba