Noticias

O PSdeG esixe cubrir xa a praza de enfermería en Leiro

O PSdeG-PSOE de Ourense presentou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para que a Xunta proceda de maneira inmediata á cobertura efectiva da praza de enfermería do centro de saúde de Leiro, que continúa sen cubrir, garantindo así a presenza estable de dúas profesionais.

Os socialistas subliñan que “é imprescindible garantir un dereito básico da cidadanía como a sanidade e condicións dignas ao persoal sanitario”. Insisten en que o centro de saúde de Leiro “necesita profesionais e unha cobertura inmediata da praza dotada”.

O PSdeG esixe cubrir xa a praza de enfermería en Leiro

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, defenderá este xoves o conxunto de iniciativas.

O PSdeG esixe cubrir xa a praza de enfermería en Leiro
Foto: PSdG

Segundo explica, o centro atende a 1.387 persoas, cunha poboación claramente envellecida e cunha alta prevalencia de enfermidades crónicas, polo que considera imprescindible contar cun segundo posto de enfermería operativo.

Rodríguez Dacosta lembra que o centro “funciona cunha soa profesional de enfermería, pese a existir unha segunda praza creada que non está cuberta”. Trátase dunha carencia estrutural denunciada hai anos pola comisión de centro de atención primaria do distrito de Ourense, que logrou a creación desa segunda praza. Porén, como sinala a deputada, “segue sen cubrirse”.

Publicaciones relacionadas

“As consecuencias deste desleixo por parte do goberno galego son evidentes: sobrecarga laboral continuada, dificultades para garantir unha atención axeitada e perda real de calidade asistencial”, asegura Dacosta, quen recalca que “non falamos de percepcións, senón dunha realidade obxectiva que afecta tanto ao persoal como á poboación atendida”.

Mellora das instalacións

O PSdeG-PSOE tamén pon o foco nas instalacións. Segundo indican, existe unha grave carencia pola ausencia dunha segunda consulta de enfermería, o que impide o exercicio efectivo da praza creada. Neste punto, Rodríguez Dacosta sinala ao Concello de Leiro, como titular do inmoble, que “ten a obriga de garantir unhas instalacións axeitadas, pero non o fai”, e tamén á xerencia do distrito sanitario de Ourense, á que reprocha non esixir solucións nin buscar alternativas.

Por iso, a deputada socialista reclama que Xunta e concello actúen de maneira coordinada para dotar ao centro dos espazos necesarios e garantir unha correcta actividade asistencial.

Na batería de iniciativas tamén se solicita que “a cuestión se resolva nun prazo razoable, con prazos claros tanto para a cobertura da praza como para a adecuación das instalacións”. Ademais, instan á Xunta a informar ao Parlamento das actuacións realizadas, xa que, segundo remarcan, “non se trata de burocracia, senón de transparencia e rendición de contas”.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.