O PSdeG rexeita o traslado da Agrupación Veciñal Miño á Casa da Maxia, unha proposta do Concello de Ourense que, segundo denuncian as socialistas, non responde ás necesidades reais do movemento veciñal nin garante condicións axeitadas para o seu labor.
As edís do grupo municipal socialista mantiveron unha reunión con representantes da Agrupación Veciñal Miño e visitaron o inmoble que o goberno local propón como nova sede da entidade.
O PSdeG rexeita o traslado da Agrupación Miño á Casa da Maxia
Tras o encontro, manifestaron a súa oposición rotunda a un traslado que consideran un novo intento do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de silenciar e debilitar ás entidades veciñais da cidade.

Segundo trasladaron desde a Agrupación, o Concello xustifica a medida nun suposto aforro en alugueiros. Porén, lembran que a entidade ocupa desde 2011 un local na rúa Doutor Marañón cun custo mensual de 700 euros, unha cantidade que cualifican de irrelevante para as arcas municipais. A alternativa proposta pasa por ocupar dúas das tres plantas dun inmoble municipal baleiro, a Casa da Maxia, e compartir espazo cunha asociación de menor tamaño, As Burgas.
O alcalde fixou como data límite o 28 de febreiro para executar o desaloxo e o traslado, sen diálogo nin planificación, e sen ter en conta que a Agrupación Miño representa a 22 asociacións veciñais. “O emprazamento proposto non é accesible, non favorece a participación da veciñanza, terá menos afluencia de persoas e carece de espazos axeitados para reunións e asembleas”, sinalan as socialistas.
Programas de apoio
Lembran desde o PSdG que a Agrupación desenvolve programas de apoio social de gran relevancia, como un servizo de acompañamento a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, co que se prestou axuda a máis de 150 mulleres. “Estas intervencións precisan espazos dignos, seguros e con confidencialidade, algo difícil de garantir nun local compartido e sen acondicionar”, advirten, alertando de que o traslado pon en risco a continuidade destes programas.
Para o grupo municipal socialista, esta decisión non é un feito illado, senón que se suma a outras actuacións do goberno local, como o desmantelamento da Oficina de Participación Cidadá, o recorte de subvencións ou a supresión de cursos e actividades municipais.
Desde o PSdeG reiteran o seu apoio firme ao movemento veciñal e á Agrupación Miño, e chaman á reactivación e mobilización da veciñanza. “O que está en xogo non é só un local, senón o dereito da cidadanía a ter voz propia, espazos dignos e capacidade de organización”, conclúen.

