O PSdeG de Ourense reclama devolver o carácter social do termalismo ourensán fronte á falta de proxecto e desenvolvemento por parte do goberno municipal de Democracia Ourensana (DO).
As socialistas acusan o executivo local de desatender un dos principais activos da cidade e de orientar a súa xestión cara a un modelo recadatorio.
O PSdeG reclama devolver o carácter social ao termalismo de Ourense
A voceira municipal do PSdeG, Natalia González, asegurou este martes que “dende o Partido Socialista o que esiximos é que non fagan negocio co noso termalismo, un dos activos máis importantes dos que dispomos e que estamos a deixar morrer por unha absoluta falta de interese do alcalde e do seu equipo de goberno”.

Neste contexto, as socialistas presentaron unha batería de emendas á ordenanza da Piscina de As Burgas, proposta polo executivo municipal, coa que defenden un modelo de xestión directa, no que as decisións e modificacións deban ser aprobadas polo Pleno municipal. Segundo o PSdeG, a ordenanza formulada polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome converte o termalismo nun “recurso para facer negocio con prezos elevados e cun claro afán recadatorio”. Ademais, consideran que o réxime sancionador incluído no texto é “abusivo para a cidadanía”.
Natalia González insistiu tamén na necesidade de establecer prezos xustos e recuperar o carácter social e saudable do termalismo, cun trato preferente para as persoas empadroadas no Concello de Ourense fronte ao “modelo turístico e privado actual”. Entre as propostas, o PSdeG reclama bonificacións para familias numerosas, con abonos accesibles e familiares.
Pola súa banda, a concelleira socialista Alba Iglesias defendeu medidas específicas para a xente nova, como unha bonificación do 50% no prezo da entrada, similar á existente noutros servizos públicos e que non está contemplada na ordenanza municipal. Ademais, as socialistas propoñen instaurar un día gratuíto á semana para a veciñanza, así como establecer prioridade de acceso e horarios especiais para as persoas que fagan un uso terapéutico das termas.

