O PSdeG no Concello de Ourense reiterou o seu apoio á rehabilitación integral do Xardín do Posío, unha actuación que cualifican de “imprescindible e necesaria”.
Advirten da crecente preocupación social e ambiental polo desenvolvemento das obras nun dos espazos máis emblemáticos da cidade.
Os socialistas esixen explicacións polas obras do Xardín do Posío
A primeira valoración do grupo municipal socialista sobre o Xardín do Posío mantén o respaldo ao proxecto, que lembra foi avalado por todas as forzas políticas e pola veciñanza. Con todo, tras máis dun ano de execución, aseguran que están a recibir alertas de colectivos veciñais e ecoloxistas, como Amigas das Árbores, sobre unha posible desviación respecto do proxecto inicial consensuado.

A portavoz socialista, Natalia González, recoñece que “entendemos perfectamente a preocupación cidadá, especialmente cando se trata dun espazo de alto valor histórico, botánico e ambiental”. Segundo explica, as informacións coñecidas nas últimas semanas e as imaxes difundidas amosan a substitución de zonas tradicionalmente arboradas por superficies duras, así como a desaparición dun número de árbores superior ao previsto inicialmente.
Para o PSdeG, esta situación require respostas inmediatas. “Esta situación, entendemos, esixe explicacións claras, rigorosas e inmediatas por parte do goberno municipal. A cidadanía ten dereito a saber se o proxecto que se está a executar é o mesmo que foi aprobado e consensuado”, engade González.
Por este motivo, o grupo municipal socialista solicitou formalmente unha visita ás obras do Xardín do Posío co goberno municipal e cos responsables técnicos correspondentes, así como copia do proxecto modificado, no caso de existir cambios respecto do proxecto orixinal.
Desde o PSdeG insisten en que a transparencia é irrenunciable nunha actuación deste alcance. “A transparencia non é unha opción, é unha obriga cando se están a investir preto de 2,6 millóns de euros de fondos públicos. Consideramos que unha obra destas características non pode afastarse das necesidades actuais da veciñanza nin perder a esencia dun xardín que debe seguir sendo un refuxio climático, un espazo de biodiversidade e unha memoria viva de Ourense”, conclúe a portavoz socialista.

