Noticias

O PSOE critica a xestión da limpeza en Ribadavia

Ribadavia limpeza e servizos municipais centran a denuncia do PSOE de Ribadavia, que alerta dunha grave desorganización do servizo de limpeza e do incumprimento das promesas electorais do PP no goberno municipal.

Desde o Grupo Municipal Socialista aseguran que a situación actual é consecuencia directa da falta de xestión e planificación do executivo local.

O PSOE critica a xestión da limpeza en Ribadavia

Segundo explican, existen operarios de baixa que non están a ser substituídos, sen recorrer nin á lista de contratación nin ao SEPEG, a pesar de haber mecanismos legais e marxe orzamentaria para facelo. Esta inacción, sinalan, está a provocar unha redución evidente do servizo e un malestar crecente entre a veciñanza.

Os socialistas advirten tamén da falta de persoal de mantemento e obras. Recentemente xubiláronse dous albañiles municipais sen que o goberno local previse a cobertura das prazas, o que está a xerar unha carencia de persoal cualificado para o mantemento, os arranxos e as obras necesarias no concello.

O PSOE critica a xestión da limpeza en Ribadavia
Foto: PSdG de Ribadavia

Esta realidade, segundo o PSOE, contrasta coas promesas do alcalde en campaña electoral, nas que se comprometía a reforzar os servizos municipais, especialmente nas parroquias. “A mellora prometida non só non chegou, senón que foi substituída por recortes, improvisación e abandono”, afirman desde o grupo socialista.

Publicaciones relacionadas

A formación denuncia que, lonxe de reforzar os servizos, estes están a ser desmantelados sen planificación nin respostas, unha situación que lles trasladan tanto veciños e veciñas de todo o municipio como os propios traballadores, que sofren directamente a falta de previsión na cobertura da plantilla.

O PSOE critica a xestión da limpeza en Ribadavia
Foto: PSdG de Ribadavia

Funcionamento do Punto Limpo

A isto súmase, segundo o PSOE de Ribadavia, o inexistente funcionamento do punto limpo, que agrava aínda máis o problema e converte a limpeza e o mantemento municipal nun caos evitable, se existise vontade política e unha xestión responsable.

Desde o grupo socialista defenden que Ribadavia merece servizos públicos dignos, ben xestionados e pensados para responder ás necesidades reais da cidadanía, ao tempo que xeran emprego. Tamén salientan o esforzo dos traballadores en activo, que aseguran, están a triplicar tarefas para cubrir ámbitos como limpeza, obras, desbroces, mantemento e incluso a policía local.

Finalmente, o PSOE critica que, mentres persisten estas carencias, “a prioridade do goberno municipal non é reforzar os servizos públicos, senón malgastar cartos en orquestras e eventos festivos improvisados”, deixando á cidadanía sen os recursos que realmente necesita.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.