O PSdeG-PSOE de Ourense pon sobre a mesa unha posible moción de censura contra o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
Este anuncio produciuse nun almorzo informativo cos medios de comunicación no que a voceira do grupo socialista no concello, realizou un balance do último ano de mandato.
O PSOE de Ourense pon sobre a mesa unha posible moción de censura
De «auténtico pesadelo» cualifica Natalia González a situación do concello de Ourense ó mesmo tempo que lembra o desmantelamento dos servizos sociais e de igualdade. O balance realizado pola portavoz socialista incluín unha mensaxe ós outros partidos da oposición no que lles pregunta «que queren ser de maiores?«
Entre os aspectos negativos da xestión realizada polo goberno municipal no primeiro ano do mandato 2023-27 están a eliminación dos servizos de conciliación. Tamén denunciou a situación no CIMM, a ausencia de orzamentos, a prórroga de todas as concesións municipais, a ausencia dunha RPT ou a falta de consenso para aprobar un novo PXOM.
Ademais de lembrar que Ourense segue a aumentar o prazo de demora no pago a provedores, González indicou que ante o aumento do turismo na cidade, existe un «apagón termal sen visos de mellorar».
Supresión de concellerías
«A cultura redúcese ás orquestras, sen ton nin son, dun alcalde-presidente que non é máis que o presidente dunha comisión de festas«. Esta afirmación realizada pola voceira socialista foi realizada ó falar de concellerías desaparecidas. Entre elas atópanse as de Xuventude e Voluntariado, Comercio ou Participación Cidadá.
Non faltou a referencia á extinta Universidade Popular de Ourense. «A alternativa á UPO foi un auténtico fracaso, desapareceu a colaboración co OUFF ou o OurenSoundFest ou a programación para celebrar as Letras Galegas» lamentou Natalia González.
Tamén tivo un lugar destacado no balance realizado a situación financeira do concello. González Benéitez denuncia que tras un «boom de contratos a dedo sen precedentes na historia do Concello e con impagos aos empregados e empregadas públicas» o concello se atopa nunha situación de «bancarrota económica».
Unha moción de censura?
Rematou a súa intervención facendo un chamamento ó resto de grupos municipais. «Nós levamos un ano traballando para defender os intereses dos e das que máis o precisan, daquelas persoas en situación de vulnerabilidade e todo o que consideramos que debería ser innegociable: os servizos sociais, a igualdade e as infraestruturas. Pero creo que é o momento de ir un paso máis aló. Dende o Partido Socialista traballamos e dialogamos continuamente co resto da oposición, pero é hora de que o PP e o BNG decidan que queren ser de maiores».
«Somos conscientes do descrédito no que está sumida a política, en parte propiciado polo propio Jácome, pero temos a oportunidade de demostrar que a política pode servir para cambiar as cousas» dixo Natalia González para por fin ó balance municipal.