O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe o reforzo da rede de Puntos Violeta na provincia, un recurso destinado a apoiar ás mulleres vítimas de violencia machista.
O anuncio tivo lugar na sede de UGT Ourense, que pasa a funcionar como un novo espazo seguro para mulleres en situación de vulnerabilidade.
UGT Ourense convértese nun novo Punto Violeta
No acto participaron tamén Trinidad Campo, secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, e Alida Iglesias, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno.

Santos subliñou o compromiso do sindicato coa igualdade e coa erradicación da violencia de xénero. “Damos un paso máis no despregamento dos Puntos Violetas impulsados polo Goberno, consolidando esta iniciativa no ámbito sindical como ferramenta de prevención, sensibilización e apoio ás vítimas”, indicou.
O representante do Goberno fixo un chamamento á implicación social ante unha lacra que, segundo datos oficiais, xa se cobrou a vida de 36 mulleres en España neste 2025. “A violencia de xénero é unha realidade diaria que require o compromiso de todas as administracións e axentes sociais para erradicala”, afirmou Santos.
A Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación foi a encargada de impartir a formación necesaria ao persoal de UGT e de facilitar materiais como a Guía Punto Violeta, distintivos identificativos, carteis e adhesivos con códigos QR que enlazan con información de axuda inmediata. Estes elementos permiten identificar o sindicato como lugar seguro para mulleres que sufran calquera tipo de agresión.
A rede de Puntos Violeta en Ourense segue en expansión, con presenza xa en institucións como o SEPE, o INSS, a AEAT, o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, a Comandancia da Garda Civil, os Paradores de Santo Estevo e Verín e na propia Subdelegación do Goberno.