O Concello de Ourense licitará nas próximas semanas a instalación de ramplas mecánicas na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña, tras recibir o proxecto técnico o visto e prace definitivo.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou hoxe que se trata dun “megaproxecto transformador” cun orzamento de 5 millóns de euros.
A Cuña contará con cinco novas ramplas mecánicas
Pérez Jácome destaca que este proxecto humanizará a zona e dará servizo directo a milleiros de veciños, ademais de mellorar a accesibilidade ao centro de saúde e á Universidade Laboral.

Segundo explicou o rexedor, a actuación suporá “un antes e un despois no barrio”, con importantes melloras na calidade de vida dos residentes e un efecto revalorizador sobre os inmobles da contorna. “Non é só unha obra funcional, é un proxecto que transformará a mobilidade diaria de moitas persoas”, subliñou Jácome.

A intervención contempla a instalación de cinco ramplas mecánicas para superar a elevada pendente da rúa Vasco Díaz Tanco. A zona afectada iría desde a súa conexión coa Avenida de Zamora ata a parte alta do barrio, máis aló do centro de saúde.
O goberno municipal prevé que as obras sexan adxudicadas antes de que remate o ano. A súa execución comezaría a principios de 2026, abrindo así un novo capítulo na modernización do barrio da Cuña.