O Colectivo Rebulir levará a esencia da cultura galega ao prestixioso festival Folk Azores, que se celebrará entre os días 8 e 18 de agosto na illa Terceira, en Angra do Heroísmo (Azores, Portugal), cidade Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO.
Esta edición contará coa presenza de 18 compañías internacionais de catro continentes e está considerada a cita folclórica máis importante de Europa neste 2025.
Rebulir leva a cultura galega ao festival Folk Azores
O colectivo participará no Folk Azores 2025, un evento internacional recoñecido polo CIOFF como o mellor do mundo.

O Folk Azores é un referente mundial no ámbito das artes tradicionais e está avalado polo CIOFF (Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore e das Artes Tradicionais), que o ten recoñecido en múltiples ocasións como o mellor festival do mundo. A súa impecable organización, a calidade dos grupos participantes e o compromiso coa preservación e dignificación das tradicións culturais convérteno nun auténtico espazo de encontro e diálogo entre culturas.
Rebulir, con sede en Ramirás (Ourense), logra este ano a súa inclusión no cartel tras presentar a súa candidatura en varias ocasións, o que supón un recoñecemento ao seu nivel artístico, ao rigor etnográfico do seu traballo e á súa capacidade de representación internacional. A súa participación súmase a outros grandes fitos como o Festival Intercéltico de Lorient (2024) ou os premios Prado Lameiro (2018) e Rodolfo Prada (2019).
A delegación galega estará composta por 35 persoas, entre bailaríns, músicos e persoal técnico, que ofrecerán un repertorio que combina fidelidade á tradición, posta en escena innovadora e calidade artística. Esta viaxe será posible grazas ao modelo autofinanciado e sustentable do colectivo, baseado na organización de eventos culturais, actuacións por todo o país e venda de merchandising.
Neste 2025, ademais, Rebulir celebra o seu 20º aniversario, consolidado como unha das entidades culturais máis activas de Galicia, cun traballo que vai máis alá das actuacións escénicas: desenvolve proxectos pedagóxicos, iniciativas de recuperación patrimonial e formación especializada en cultura popular.
A participación no Folk Azores non é só un novo éxito no seu percorrido, senón tamén unha oportunidade de visibilización internacional para Galicia, que estará representada con dignidade, compromiso e excelencia artística grazas ao labor constante de Rebulir.