A Asociación Cultural e Xuvenil Rebulir foi recoñecida pola Xunta de Galicia como gañadora do primeiro premio do programa Iniciativa Xove 2025, tras distinguir o proxecto ARREDAR como a mellor proposta xuvenil presentada nesta edición.
A entrega do galardón terá lugar o venres día 5 na Cidade da Cultura de Galicia.
ARREDAR, mellor iniciativa xuvenil de Galicia en 2025
O proxecto ARREDAR, elaborado polo Equipo Raiceir@s de Rebulir, destaca pola súa aposta pola participación xuvenil, a dinamización sociocultural do rural e unha metodoloxía baseada na aprendizaxe-servizo (ApS).

A iniciativa, desenvolvida no Concello de Ramirás, recibiu unha alta valoración pola súa contribución á posta en valor do patrimonio local. Tamén fomentou a creación de redes comunitarias e ao impulso do protagonismo xuvenil na vida cultural e social do territorio.
Segundo as bases de Iniciativa Xove, estes premios distinguen as propostas mellor puntuadas pola súa calidade, impacto e carácter innovador. O programa prioriza proxectos con vocación de permanencia, capacidade emprendedora e impacto social no rural, criterios que o proxecto de Rebulir cumpre de forma salientable.
Para a entidade, este recoñecemento supón un impulso ao labor que desenvolve desde hai anos na dinamización xuvenil e na revitalización cultural de Ramirás. O premio contribuirá a reforzar a visibilidade do compromiso da mocidade coa identidade local e coa construción dun rural vivo e participativo.
