Podemos Ourense reclama desbloquear a reforma interior da Praza de Abastos, un proxecto que consideran esencial para garantir a continuidade dun dos espazos máis simbólicos da economía local.
A formación asegura que o alcalde Gonzalo Jácome mantén paralizada a actuación “por pura obstinación política”, impedindo pechar un proceso que, ao seu xuízo, debería estar xa en marcha.
Podemos insta a desbloquear a reforma interior da Praza de Abastos
Desde o partido lembran que a rehabilitación exterior está completada, pero seguen pendentes traballos clave no interior, como a instalación de habitáculos, fontanería, electricidade e outros servizos básicos necesarios para un funcionamento seguro.

Engaden que os praceiros están dispostos a achegar recursos, mais non poden asumir en solitario o custo total das obras, e denuncian que o Concello continúa “trasladando unilateralmente a responsabilidade”.
Podemos advirte de que este bloqueo supón unha ameaza directa para a actividade comercial e o ecosistema económico ligado ao mercado. Defenden que a Praza de Abastos é un espazo identitario onde se sostén o comercio de proximidade e onde converxen produción rural e vida urbana, polo que unha parálise prolongada podería afectar tanto ao emprego como ao dinamismo da cidade.
A formación esixe ao alcalde abrir de inmediato un proceso de negociación con todas as partes implicadas e impulsar un convenio que permita completar as obras interiores. Reclaman tamén que o Concello asuma a parte que lle corresponde como titular do edificio e garanta estabilidade ás persoas praceiras.
O voceiro de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, resume así a súa posición: “É inxustificable que os praceiros, aquelas persoas que manteñen viva a Praza día tras día, queden á marxe deste proceso por inacción política”. Para el, a cerrazón municipal está a poñer en risco un “piar económico e cultural” da cidade.
O partido fai un chamamento ao resto de grupos políticos, á sociedade civil e á cidadanía para que se impliquen e presionen ao goberno local. “Ourense non vai renunciar ao seu mercado. Xa vale de parálise”, conclúen.