Este martes, 5 de agosto de 2025, tivo lugar no pantalán de Barbantes, no Concello de Cenlle, a presentación oficial da Terceira Regata da Liga Provincial de Piragüismo.
O evento está organizado pola Federación Galega de Piragüismo coa colaboración do Clube Náutico Ribeiro. Conta co patrocinio da Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e o propio Concello de Cenlle.
Presentada en Cenlle a Terceira Regata da Liga Provincial de Piragüismo
A competición disputarase o 9 de agosto con preto de cen participantes de seis clubes ourensáns.

Na presentación estiveron presentes o asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, Diego Enrique Álvarez Fernández; o xefe de Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez González; a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo Fernández; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García; a concelleira de Cenlle, Lucía Fernández; e o presidente do Club Náutico Ribeiro, Santiago Carvajal Mosquera.
A proba disputarase o sábado 9 de agosto a partir das 11:00 horas, coa participación de seis clubes da provincia:
- SCDX Fontefría de Muíños,
- Fluvial O Barco,
- Piragüismo Ourense,
- Fluvial Allariz,
- Fluvial Avión Castrelo de Miño e
- o anfitrión Náutico Ribeiro de Cenlle.
As categorías convocadas son Prebenxamín, Benxamín A e B, Alevín A e B —que percorrerán 1.000 metros—, así como Infantil A e B, que competirán nun percorrido de 4.000 metros.
A organización puxo en valor o esforzo conxunto de institucións e entidades veciñais, como as Asociacións de Barbantes e Laias, Protección Civil e os voluntarios dos clubes, para facer posible este evento. Ademais, a xornada contará cunha presenza de honra. O canoísta olímpico Enrique Míguez, medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984, exercerá como xuíz árbitro da proba.
A cita reafirma a boa saúde do piragüismo en Ourense, que supera xa as 400 licenzas federativas. Este deporte continúa a medrar entre os máis novos grazas ao labor dos clubes e ao apoio institucional.