O Concello de Barbadás completou a primeira gran intervención no antigo edificio escolar de Sobrado do Bispo, que se converterá nun espazo de uso social, educativo e cultural.
Esta intervención, cun orzamento de 151.957 euros, supón unha transformación profunda do antigo colexio da localidade. Este espazo será agora un punto de encontro para a veciñanza.
Barbadás rehabilita o local social de Sobrado do Bispo
O Concello de Barbadás vén de finalizar a primeira fase da rehabilitación integral do local social de Sobrado do Bispo, situado na rúa da Granxa.

A obra inclúe a renovación da cuberta, a substitución parcial da estrutura, a modernización das instalacións eléctricas, de fontanaría, saneamento e ventilación, así como o illamento e tratamento acústico e lumínico do edificio. Ademais, substituíronse as carpinterías e recuperouse o aspecto orixinal da fachada con encintados de tipo rústico.
A tenente de alcalde e concelleira de Obras, Victoria Morenza, destacou que o local pasou de ser “un edificio case residual” a dispor “das condicións óptimas para o desenvolvemento de múltiples actividades”. Entre outras melloras, habilitouse un novo acceso pola fachada nordeste. Tamén se construíu unha nova escaleira e un espazo de descanso para separar o edificio do tráfico rodado.
Pola súa banda, o alcalde Xosé Carlos Valcárcel subliñou o carácter simbólico do inmoble. “Foi a antiga escola de Sobrado, e esta actuación responde ao compromiso do Concello por recuperar edificios emblemáticos para usos sociais, educativos e culturais” sinalou Valcárcel.
O centro servirá como lugar de reunión para a veciñanza, onde se poderá acceder á prensa, participar en iniciativas como a promoción da vida activa ou a alfabetización dixital. Tamén acollerá entidades como a Coral Voces e Cordes, que celebrará o seu 40 aniversario en 2026.
A intervención completarase coa instalación dunha soleira ventilada para protexer o inmoble da humidade. Tamén se colocará un chan de madeira que mellorará o confort interior.