Remata o XI Tangaraño Cultural de Sobradelo que neste 2024 programou actividades culturais en catro concellos da provincia de Ourense.
Coa celebración da última xornada do Tangaraño na aldea de Sobradelo, esta iniciativa cultural impulsada pola escritora Rochi Nóvoa, remata a súa viaxe de 2024.
Remata o Tangaraño Cultural de Sobradelo 2024
Era o día grande deste festival cultural e a programación indicaba que as expresións artísticas serían unha constante durante toda a xornada. Pintura, música e gastronomía confluíron en Sobradelo onde o público gozou de diferentes estilos musicais e artísticos.
Non faltou á cita o alcalde de Xunqueira de Ambía, D. José Luis Gavilanes, que é un dos maiores apoios do Tangaraño desde a súa creación.
A maiores das actuacións realizadas, os organizadores entregaron os tradicionais Tangaraños de Honra. Neste 2024 o recoñecemento foi para o grupo Terra Morena, o escritor e profesor Anxo Guerra e o grupo Os Tres Pés. Non faltou un especial e emotivo recoñecemento á figura da escritora Luz Fandiño, Tangaraño de Honra na segunda edición que faleceu recentemente.