Ribadavia debe buscar fórmulas para volver aos 5.000 habitantes, segundo defende Ribeiro en Común (REC), que propón a unidade de toda a corporación municipal e da sociedade local para frear a perda de poboación.
A formación levará ao Pleno do 23 de decembro unha moción na que demanda que o Concello lidere un plan de desenvolvemento local baseado en máis traballo, máis vivenda e máis servizos.
Ribeiro en Común reclama un plan para recuperar os 5.000 habitantes en Ribadavia
A iniciativa preséntase tras os datos do INE do padrón municipal, que REC cualifica de preocupantes. En só dous anos, Ribadavia perdeu arredor de 100 veciños, afastándose da cifra legal dos 5.000 habitantes, clave para o reparto de fondos públicos.

Segundo os datos expostos pola formación, en 2016 o municipio contaba con 5.068 habitantes, malia que xa daquela os falecementos superaban os nacementos. En 2021, o padrón situouse en 4.999 veciños, cifra que apenas se incrementou tras algunhas alegacións. En 2023, Ribadavia rexistrou 4.986 habitantes, a só 14 de recuperar o limiar dos 5.000. Porén, en 2025, os datos manexados por REC sitúan a poboación entre 4.917 e 4.895 persoas, o que confirma unha tendencia descendente.
REC asegura que esta evolución reflicte indicadores negativos en todas as áreas e reclama unha resposta colectiva. “Esta cuestión debería xerar unanimidade e unidade de todos os partidos”, sinala a formación, que considera que recuperar poboación en 2026 debe ser un obxectivo compartido.
Tres eixos do plan proposto por Ribeiro en Común
A moción impulsada por Ribeiro en Común aposta por un plan de revitalización demográfica elaborado de maneira conxunta por todos os grupos da corporación e capaz de implicar ás distintas administracións.
Traballo e solo industrial. Ribeiro en Común denuncia o bloqueo do polígono industrial de Ribadavia, que limita tanto a chegada de novas empresas como o crecemento das existentes. A formación considera insuficiente a recuperación de pequenas parcelas e defende a necesidade de novo solo industrial, cun enfoque comarcal no que Ribadavia exerza un papel de liderado no Ribeiro.
Vivenda. A formación apunta á escasa oferta e alta demanda como un dos principais atrancos para atraer novos veciños. Ribeiro en Común reclama que o Concello promova vivenda pública, habilite novo solo dotacional e poña terreos a disposición da Xunta, a través do IGVS, para construír novas promocións. Tamén lembra propostas previas para mobilizar solo na estrada de Francelos e para rematar vivendas privadas inacabadas en zonas como os chalés e a rúa Progreso.
Servizos públicos. Ribeiro en Común recoñece que Ribadavia conta con bos servizos, pero critica a falta de promoción por parte do goberno local e a suba das taxas municipais, que podería reducir o número de usuarios e comprometer a súa viabilidade. Ademais, alerta sobre a situación do servizo de pediatría, que considera aínda ameazado.
A través desta moción, Ribeiro en Común insiste en que a perda de poboación esixe medidas reais e consensuadas para garantir o futuro demográfico e económico de Ribadavia.

