Ribeiro en Común presentará no próximo Pleno municipal unha moción para esixir que o Concello afronte a recuperación e mellora dos soares e inmobles de titularidade municipal situados na zona monumental, moitos deles en estado de abandono.
O grupo lembra que foi o anterior goberno, baixo a súa xestión da área de urbanismo e casco histórico, quen puxo en marcha un plan de dinamización. Este plan conseguiu desbloquear situacións enquistadas durante dúas décadas.
Ribeiro en Común reclama un plan urxente para recuperar os soares abandonados na zona monumental de Ribadavia
“Non é de recibo que a administración encargada de velar polo bo estado dos inmobles do noso municipio sexa a titular dos que en peor estado se atopan”, denuncian. Por iso propoñen un Plan Municipal Integral de Mellora. Este plan inclúe tarefas de limpeza, desentullo e obras nos soares da rúa dos Fornos e de San Martiño.

Críticas á inacción do actual goberno
Ribeiro en Común acusa ao executivo local do PP de ter paralizado o plan de mellora e dinamización do casco histórico iniciado na anterior lexislatura. Lembran que o goberno municipal retirou ademais a partida orzamentaria específica para a zona monumental. “O exemplo máis claro é o do forno público, que pasou de ser rehabilitado como espazo para a veciñanza a atoparse hoxe pechado e en estado calamitoso”, apuntan.
Na moción lembran actuacións levadas a cabo polo anterior goberno. Entre estas accións figuran a rehabilitación do forno histórico, a adquisición dun solar na Porta Nova e a recuperación do espazo abandonado da praza García Boente. Estes tres lugares, abandonados durante décadas, foron recuperados en pouco máis de dous anos.
Solicitudes e novas propostas
O grupo pide tamén que o Concello reclame a colaboración da Xunta e da Deputación para rehabilitar os inmobles municipais en ruína. De ser preciso, solicitan volver sacalos a poxa pública.
Ademais, propoñen que a administración local medie na adquisición de novos inmobles para a súa rehabilitación. Sinalan varios casos concretos que cualifican como “puntos negros” no corazón da vila. Un edificio en risco na rúa Xerusalén, dous en Porta Nova de arriba e outros dous en estado de ruína na rúa Salgado Moscoso, fronte á casa do IGVS.
Con esta moción, Ribeiro en Común busca “recuperar o patrimonio e dinamizar o barrio histórico”. Ao mesmo tempo garantese a seguridade da veciñanza e se frea a degradación do conxunto monumental de Ribadavia.