O ruído na discoteca Desörden centra un novo conflito veciñal en Ourense tras coñecerse hoxe o informe técnico municipal elaborado a raíz das denuncias presentadas tanto pola veciñanza do propio edificio como polas comunidades lindeiras.
Este documento verifica se as emisións sonoras do local cumpren cos parámetros fixados na Ordenanza municipal de protección contra ruídos e vibracións, condición clave para a concesión da licenza de apertura.
O BNG pide o peche da discoteca Desörden por exceso de ruído
Segundo trasladan desde o BNG, as conclusións do informe “son claras”. O seu portavoz municipal, Luís Seara, asegura que “constatouse a existencia de emisións sonoras que non foron correctamente controladas polo limitador existente, o que permite inferir a presenza de equipos de reprodución ou amplificadores non integrados na cadea do sinal xestionado polo citado limitador”.

Engade ademais que “no propio informe dise que dita configuración incumpre as prescricións técnicas establecidas na Ordenanza municipal ao permitir a emisión de niveis sonoros non sometidos a control”.
Seara lembra que xa no Pleno municipal de decembro de 2025 o seu grupo advertira das “dúbidas e irregularidades” arredor da reapertura do local, así como das molestias reiteradas á veciñanza, especialmente polo exceso de ruído.
Naquela sesión plenaria, o alcalde chegara a afirmar que a reapertura da discoteca contaba con todos os informes técnicos favorables e que, no caso de realizarse medicións que superasen os límites permitidos, “a discoteca non pode operar e punto”.
Á vista do novo informe técnico, o Grupo municipal do BNG insta agora ao Goberno local a actuar con urxencia para que, “en coherencia co expresado polo propio alcalde, se adopten todas as medidas precisas para que dito local deixe, efectivamente, de operar”.
Os nacionalistas anuncian tamén que veñen de rexistrar unha pregunta escrita para resposta oral no Pleno ordinario do mes de febreiro, previsto para o venres 6, na que demandan explicacións sobre “como é posible que se permitise iniciar unha actividade sen o estudo acústico que a técnica municipal considera imprescindible” e “que medidas adoptou o Concello á vista do informe”.

