Os monumentos histórico-artísticos de Monterrei únense nunha ruta guiada especial o 18 de abril, con motivo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios.
A iniciativa, organizada pola Oficina de Turismo de Monterrei, convida a veciñanza e visitantes a descubrir o patrimonio local a través dun percorrido cultural e paisaxístico.
Ruta guiada polos monumentos históricos de Monterrei
A proposta conecta dous dos bens máis destacados do concello: o castelo de Monterrei e a igrexa de Santa María de Mixós. Ambos foron recoñecidos como monumentos histórico-artísticos no ano 1931, xunto a outros enclaves galegos emblemáticos como a catedral de Ourense, o mosteiro de Celanova, a Torre de Hércules, e as catedrais de Lugo e Tui. Estes espazos forman parte do conxunto de bens declarados de interese cultural.
A ruta, de carácter circular e dificultade baixa, terá unha lonxitude aproximada de 6 quilómetros. A saída está prevista para as 11:00 horas desde o cruceiro situado á entrada da Acrópole de Monterrei. O itinerario seguirá un tramo do Camiño de Santiago ata a igrexa de Mixós, onde se realizará unha visita ao seu interior, antes de regresar ao punto de inicio.

A actividade é totalmente gratuíta, mais é preciso realizar inscrición previa para participar.