Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense, integrados na Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.), participarán como expositores no 16º Salón do Automóbil.
Este celebrarase en Expourense durante dúas fins de semana consecutivas: do 17 ao 19 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, mentres que do 22 ao 24 será a quenda do Vehículo de Ocasión.
Expourense acolle o 16º Salón do Automóbil con máis de 650 coches
Esta cita, organizada conxuntamente por Expourense e A.C.A.U.T.O., representa un dos eventos comerciais máis destacados da provincia, ao reunir nun mesmo espazo as principais marcas do sector e ofrecer unha visión global sobre o presente e futuro da mobilidade en Ourense.

O evento foi presentado esta mañá en Expourense coa participación de Manuel Pardo Cid, presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta; Rosendo Fernández Fernández, deputado provincial; Javier Soto Varela, secretario xeral de Cáritas Ourense; e Rogelio Martínez González, director xerente de Expourense. En representación de ACAUTO interveu o seu presidente, César Fernández Mosquera, acompañado pola vicepresidenta Eva André Cendón e membros da xunta directiva.
Fernández Mosquera anunciou que esta edición servirá para homenaxear a Ramón Seijas Pérez, falecido recentemente, quen foi presidente de ACAUTO e principal impulsor do salón. “Foi un referente indiscutible do sector da automoción en Ourense e un firme defensor do papel dos concesionarios como motor económico e social da provincia”, destacou.
En total, 15 empresas representando 27 marcas exhibirán máis de 650 vehículos, convertendo Expourense no maior concesionario do norte de España durante estas dúas semanas. Presentaranse arredor de 30 novos modelos con todas as motorizacións dispoñibles —eléctrica, híbrida e combustión—, incluíndo as últimas novidades de marcas como Audi, BMW, Citroën, Ford, Hyundai, Kia, Mercedes, Renault, Toyota ou Volvo, entre outras.
Oportunidades únicas
O salón ofrecerá prezos especiais en feira e sorteará entre os compradores un cheque regalo de 6.000 euros para descontar do prezo do vehículo adquirido. Ademais, renovarase a colaboración solidaria con Cáritas Ourense, que recibirá 15 euros por cada vehículo vendido, unha iniciativa que desde 2016 xa permitiu achegar máis de 40.000 euros á entidade.
Desde ACAUTO insístese na necesidade de rexuvenecer o parque móbil ourensán, o máis antigo de España, cunha idade media de 17 anos, fronte aos 14,5 da media nacional. Só no primeiro semestre de 2025 vendéronse en Ourense 1.710 vehículos novos e 11.142 de ocasión.
O evento contará tamén cun servizo de ludoteca gratuíto para facilitar a visita das familias. O horario será: venres de 11.00 a 20.30 h; sábados de 10.00 a 20.30 h; e domingos de 11.00 a 20.00 h. A entrada custará 3 euros por salón, sendo gratuíta para menores de 12 anos.