Noticias

Seguridade reforzada para o Entroido de Xinzo

A seguridade do Entroido de Xinzo de Limia contará cun dispositivo especial coordinado polas forzas e corpos de emerxencia, segundo supervisou este mércores o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, supervisou este mércores o dispositivo de seguridade.

Seguridade reforzada para o Entroido de Xinzo

Este está integrado pola Garda Civil, Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella para garantir o normal desenvolvemento do Entroido de Xinzo de Limia. Esta festa comezará o vindeiro sábado, 24 de xaneiro, co tradicional “Petardazo” e se prolongará ata o 22 de febreiro.

Seguridade reforzada para o Entroido de Xinzo
Foto: Subdelegación do Goberno

Eladio Santos presidiu a Xunta Local de Seguridade ordinaria do Concello de Xinzo de Limia, na que tamén participaron o alcalde, Amador Díaz; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, así como representantes da Xunta de Galicia, da Garda Civil e da Policía Local.

Tras o encontro, o subdelegado animou a veciñanza e ás persoas visitantes a vivir os festexos “con responsabilidade e cumprindo as normas”. “O dispositivo está preparado cun importante reforzo de persoal para garantir o correcto desenvolvemento da programación, pero pedimos, como sempre, a colaboración cidadá”, sinalou.

Control de aforo e medidas preventivas

Un dos asuntos centrais da reunión foi o control de aforo previsto para o sábado, 24 de xaneiro, nos accesos á Praza Carlos Casares a partir das 21:00 horas, co obxectivo de previr riscos e garantir a seguridade das persoas asistentes. Ademais, prohibirase o acceso con obxectos de vidro, como botellas ou vasos.

Evolución da criminalidade

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén a evolución dos datos de criminalidade no municipio. Eladio Santos felicitou á Garda Civil polos resultados acadados, xa que no ano 2025 a porcentaxe de esclarecemento foi 11 puntos superior á do exercicio anterior. Por outro lado, o número total de infraccións penais reduciuse en máis dun 5%. Destaca, especialmente, o descenso dos delitos contra o patrimonio, contra as persoas e contra a liberdade sexual.

Violencia de xénero

No ámbito da violencia de xénero, Xinzo de Limia forma parte do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén). Actualmente existen 27 casos activos no municipio, dun total de 572 na provincia de Ourense. Neste contexto, o subdelegado advertiu que “non se pode baixar a garda na loita contra esta lacra, pois hai violencia contra as mulleres diariamente e é necesaria a implicación de todas as Administracións”.

Botón volver arriba