O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá xunto ao alcalde, Alfredo García, a Xunta Local de Seguridade do Barco de Valdeorras, na que se acordou o dispositivo especial para as festas do Cristo, que se celebrarán do 12 ao 15 de setembro.
O operativo estará coordinado pola Policía Local e contará con reforzos da Garda Civil e da Policía Nacional para garantir a seguridade durante os festexos.
Dispositivo especial para as festas do Cristo no Barco
A reunión contou coa participación do tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; membros do posto do Barco, Policía Nacional e Local, así como representantes das asociacións empresariais locais.

No encontro, Eladio Santos apelou á responsabilidade da veciñanza para desfrutar das festas “cumprindo as normas” e evitar incidentes.
Entre os temas tratados estivo tamén a saída da Volta Ciclista a España 2025, prevista para o 10 de setembro, que previsiblemente dificultará o tráfico na vila. Santos recomendou reducir o uso de vehículos privados ese día. Do mesmo xeito, acordouse un operativo especial para o descenso do Sil, unha das citas máis multitudinarias e que coincide coas festas do Cristo.
No plano da seguridade cidadá, destacouse que as infraccións penais descenderon no primeiro semestre do ano en comparación co mesmo período de 2024, e mellorou a taxa de resolución de delitos. Santos felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade polo seu “traballo rigoroso e constante”.
Con todo, manifestouse preocupación polo aumento dos delitos graves contra o patrimonio, relacionados segundo os corpos policiais co consumo de substancias. Neste sentido, o subdelegado instou á Xunta de Galicia a crear unha unidade de prevención de condutas aditivas no municipio, lembrando que a competencia en sanidade é autonómica: “Imos loitar contra este problema que preocupa aos veciños, veciñas e comerciantes. A Garda Civil incrementará os esforzos, pero necesitamos a implicación doutros servizos para atallalo de raíz”.
Por último, acordouse poñer en marcha unha campaña de prevención de roubos en comercios e vivendas. A iniciativa difundirá recomendacións como instalar cámaras e alarmas, e promoverá o uso da aplicación AlertCops para facilitar a comunicación anónima de incidencias ás forzas de seguridade.

