O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou no Barco de Valdeorras a campaña “No caminas sola”, que busca protexer e informar ás mulleres peregrinas fronte á violencia machista.
A iniciativa, que se puxo en marcha en 2021, busca garantir a seguridade das peregrinas que percorren as rutas xacobeas en solitario, ofrecéndolles información, recursos e contacto directo coas forzas de seguridade.
O Goberno reforza a seguridade das mulleres no Camiño de Santiago
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este domingo o compromiso do Executivo central coa protección das mulleres no Camiño de Santiago. Sucedeu durante o acto de presentación da campaña “No caminas sola: Camiño de Santiago libre de violencias machistas”, celebrado no Barco de Valdeorras.

Ao acto asistiron tamén a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias; o alcalde do Barco, Alfredo García; o tenente coronel xefe da comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, e representantes da Garda Nacional Republicana (GNR) de Portugal, que colabora na protección dalgunhas rutas do Camiño. A presentación contou cun despregue de medios que espertou a curiosidade dos nenos dos campamentos municipais de verán, que puideron presenciar o operativo.
Santos explicou que a campaña naceu coa colaboración das Delegacións do Goberno de Galicia, Aragón, Navarra, La Rioja, Castela e León e Estremadura. Esta campaña xurde ante o crecente número de mulleres que percorren o Camiño en solitario. A intención é facilitar o acceso a información clave e ferramentas útiles no caso de sufrir situacións de violencia.
Numerosos medios contra a violencia machista
Na provincia de Ourense, xa se distribuíron 117 carteis e 1.500 tarxetas informativas, redactadas en castelán e inglés. Estes materiais repártense en 41 farmacias e 20 centros sanitarios, así como en albergues, oficinas de turismo, comisarías e cuarteis da Garda Civil. Inclúen teléfonos de contacto, recomendacións de seguridade e a invitación a descargar a app AlertCorps, que permite unha conexión directa coas forzas de seguridade. Tamén inclúe un código QR para acceder á web da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.
“É precisa a implicación de toda a sociedade para erradicar a violencia machista”, subliñou Santos. Engadiu que a difusión masiva da campaña e a implicación institucional axudan a mellorar a seguridade das peregrinas e a sensibilizar á poboación.
As rutas do Camiño que atravesan a provincia de Ourense inclúen o Camiño de Inverno, que percorre Carballeda, O Barco, Vilamartín e A Rúa; e a Vía da Prata, que pasa por A Gudiña, Verín, Monterrei, Xinzo, Allariz, Ourense, Xunqueira de Ambía e San Cristovo de Cea.